Inaugurada a Carballeira dos Trasgos en Paramuíño, Biduído

371

A Carballeira dos Trasgos de Paramuíño xa pode ser visitada pola veciñanza interesada en achegarse á flora, fauna e mitoloxía de Galicia. O Concello presentou hoxe o acondicionamento deste espazo veciñal de 8.000 metros cadrados que albergará un proxecto a longo prazo de recreación da vida forestal. O espazo inspírase nun libro de Suso Cubeiro, que fai unha descrición dunha fraga na que o que destacan son as plantas e os animais. Situado na parroquia de Biduído, non está lonxe do CEP de Ventín e do campo de fútbol.

O acto de apertura tivo lugar este mediodía coa presenza de representantes do goberno local encabezados polo alcalde, Blas García, así como persoal dos departamentos de Turismo, Medio Ambiente e Normalización Lingüística. Participou tamén o alumnado dos primeiros cursos da ESO do equipo de normalización do galego do IES Milladoiro, así como o último curso de Primaria do CEP de Ventín, xunto a persoal dos centros.

O alcalde de Ames, Blas García, agradeceu o traballo da técnica da Aula da Natureza, Patricia Reboreda, e do persoal do departamento de Medio Ambiente, e destacou que “este é un proxecto no que se leva traballando moito tempo”. O concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Manuel Lens, sinalou que “queremos animar a todos os veciños a que o desfruten e o respecten”. Así mesmo, a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, felicitou “ao departamento de Medio Ambiente por este proxecto”. “Desde Normalización quixemos facer a nosa pequena achega, colocando material que tiñamos da ruta do Apego e outro novo”, engadiu.

Pola súa banda, a técnica da Aula da Natureza, Patricia Reboreda, sinalou que “esta carballeira pretende servir como espazo de esparexemento, como antigamente se facía. Queremos que os pequenos se queden con esa imaxe dos animais ligados a un espazo e a un ecosistema, que coñezan a función da carballeira e que se divirtan na natureza e coa natureza”.

O proxecto da Carballeira dos Trasgos prevé a eliminación gradual dos eucalipto da zona, a realización de podas cuxos refugallos servirán como microhábitat de insectos e vermes, e a reforestación con novos carballos. Deste modo amosarase a enorme variedade de vida que alberga o ecosistema e o perigo que supón a desaparición dos bosques autóctonos para a biodiversidade.

A carballeira tamén servirá como un “museo ao aire libre” dalgunhas das especies animais máis senlleiras da natureza galega. Así, situáronse figuras dunha vacaloura, bolboreta, píntega ou curuxa, e engadiranse outras no futuro. A recreación feita na carballeira correu a cargo da empresa amesá Escenoset. O director artístico de Escenoset, X. Méndez, en colaboración coa responsable da Aula Natureza, Patricia Reboreda, déronlle forma a recreación. Un dos elementos máis destacados é o cartel cun trasno que recibe ao visitante.

Co obxectivo de que o lugar sexa un espazo tradicional, non contará con estruturas artificais para o xogo.
      
Eixos do proxecto