Informada e ditaminada favorablemente a Conta Xeral do 2020 do Concello de Ames

O Concello de Ames pechou o exercicio 2020 cun resultado orzamentario axustado de 1.638.000€ e un remanente de tesourería de 8.363.000€, acadando unhas cifras de execución máximas no tocante aos gastos de 25.322.000€ de obrigas recoñecidas, na que destaca a maior cifra de execución de investimentos (capítulo 6) do Concello por importe de 4.185.000€ e unhas cifras de ingresos que acadaron os 24.132.000€.

O ano 2020 foi un ano excepcional marcado pola pandemia da Covid-19 na que dentro dun marco e directrices europeas, o goberno estatal tivo que adoptar decisións no ámbito orzamentario para preservar a economía e dotar de maior flexibilidade ás administracións para poder afrontar a recuperación económica. Isto materializouse coa aprobación por parte do Consello de Ministros o 6 de outubro do 2020 da suspensión das regras fiscais de estabilidade orzamentaria e regra de gasto para os anos 2020 e 2021.

No caso do Concello de Ames esta suspensión das regras fiscais e a boa situación económica coa dispoñibilidade dun remanente de tesourería a 31/12/20219 de 9.587.000 € permitiron poder afrontar os gastos extraordinarios, investimentos e actuacións de reactivación que se puxeron en marcha para reactivar e dinamizar a economía local. Este incremento do gasto unido á merma de recadación de ingresos fundamentalmente nas taxas e prezos públicos debido á paralización de diferentes servizos fan que neste ano 2020 debido a esta situación coxuntural, o Concello de Ames é o primeiro ano que presentara inestabilidade orzamentaria por importe de 1.739.212,13 €.

O Concello de Ames durante o ano 2020 tamén superou o límite da regra de gasto en 966.000 € pois tivo que afrontar gastos extraordinarios en servizos básicos e esencias con reforzos de limpeza de instalacións e adaptación dos espazos, novas medidas de seguridade e reforzo da limpeza nas áreas educativas, ampliación das prestacións e axudas na área de servizos sociais, aprobación dun Plan de Reactivación de apoio a sectores castigados pola pandemia para impulsar a reactivación económica do comercio, hostalería, actividades de dinamización da actividade cultural, etc.

Respecto do volume de débeda viva o Concello cumpre cos límites e segue a situarse moi por debaixo do límite legal de débeda viva cunha porcentaxe de débeda dun 12,43% cando o límite é de 110%.

Liquidación do orzamento de gastos

No tocante a liquidación do orzamento de gastos recóllense unhas obrigas recoñecidas netas, no exercicio 2020 de 25.322.000 €, un 9,44% máis que as obrigas recoñecidas no 2019 que foron de 23.137.000 €, o que supón un incremento en gastos de 2.185.000 €.

Neste apartado destaca o Capítulo II (Gastos correntes en bens e servizos) cun importe que acadou preto dos 11.000.000€. Tamén salientar a cifra no Capítulo I (Gastos de Persoal) que ascendeu a 9.159.000€ reforzando o emprego público, e mantivéronse as transferencias correntes (Capítulo IV)  por importe de 941.000 €.

O máis salientable dentro do orzamento de gastos é o forte esforzo inversor realizado durante este ano 2020 cunha cifra de execución de investimentos reais ( Capítulo VI), de 4.185.000€, a maior cifra de execución de investimentos do Concello, incrementando en preto de 1.600.000€, nun 61,12% a cifra de execución do ano 2019.
Os gastos financeiros correspondentes ao Capítulo III foron de preto de 22.900€ e no tocante á amortización de capital de préstamos durante este exercicio 2020 Capítulo IX-Pasivos Financeiros, a cifra foi de 20.700€.

Liquidación do orzamento de ingresos

No que respecta á liquidación do orzamento de ingresos, os dereitos recoñecidos netos ascenden a 24.123.000 € (no exercicio 2019 foron de 24.523.000€), diminuíndo preto en 400.000€ (nun 1,60%) os ingresos ou dereitos recoñecidos netos respecto do ano anterior.

No tocante aos ingresos correntes (dereitos recoñecidos) destacan como principais partidas de ingresos a recadación por impostos directos (Capítulo I) que acada a cifra de 7.938.000€ que sufriu un descenso respecto da recadación do ano 2019 en 468.000€ (6,26%) ; taxas e prezos públicos (Capítulo III) por importe de 5.520.000€ cun forte descenso na recadación por taxas e prezos públicos de 1.104.000€ (redución dun 16,67%) motivado pola paralización temporal dalgunhas actividades e servizos; transferencias correntes IV cun aumento nos ingresos recadando 9.331.000€ (incremento dun 5,75%), e transferencias capital VII por importe de 759.000€ cunha diminución na recadación de 379.000€ (33,32%) pois moitos dos ingresos entraron a principios do ano 2021.

Estabilidade orzamentaria

A pesar de que as cifras arroxan unha necesidade de financiamento de 1.739.000 €  porque moitos dos gastos realizados a finais de ano non se viron acompasados cos ingresos que entraron no ano seguinte, o resultado orzamentario axustado, indicador da capacidade e solvencia financeira, é positivo e acada unha cifra de 1.638.000 €.

Outra das magnitudes máis importantes que hai que ter en conta é o remanente de tesourería (dispoñibilidades líquidas e dereitos pendentes de cobro/obrigas pendentes). Ao peche do exercicio 2020 o remanente de tesourería sigue a acadar unha cifra elevada de 8.363.000 €, o que vai permitir financiar novos Plans de investimentos e axudas como o Plan Ames Progresa 2023 recentemente aprobado en Pleno por importe de 5.756.000€.

Débeda do Concello de Ames 
 
Durante o exercicio 2020 concertouse unha operación de débeda a longo prazo, para facer fronte ás achegas de fondos propios das actuacións programadas dentro do Plan Impulsa Ames, da EDUSI, por importe de 252.000€ que sumados aos concertados para as anualidades 2018 e 2019 para a mesma finalidade (EDUSI), fan un total de 766.000€, única débeda bancaria  contraída a data do 31/12/2020 polo Concello de Ames. O resto da débeda provén dos préstamos provinciais da Deputación da Coruña (PAI), incluídos nos POS. Polo tanto o concello ten un nivel de débeda viva moi baixo, pois sitúase nunha porcentaxe dun 12,43% cando o límite legalmente establecido é dun 110%.

Estas cifras deixan marxe de maniobra para afrontar outras operacións que se precisen no marco das actuacións da estratexia DUSI, así como para afrontar gastos extraordinarios para cubrir as necesidades que xurdan motivadas pola situación de crise provocada pola pandemia da Covid-19.

Regra de gasto

O límite legal da regra de  gasto no exercicio 2020 era de 20.338.000 euros e o gasto computable para o cálculo de dita regra de gasto foi superior de 21.304.000€, superado en  966.000€.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero indica que “unha vez máis amosamos desde o goberno a boa capacidade de xestión e execución duns orzamentos expansivos que medran ano tras ano e que nos permitan seguir investindo, ampliando e reforzando os servizos. A boa situación económica do Concello cun nivel de débeda moi baixo e cun remanente de tesourería que supera os 8.000.000€ permitiunos afrontar esta situación extraordinaria de pandemia mundial (Covid-19) reforzando servizos, apostando por un forte investimento público e pola reactivación da economía local. O último plan aprobado por unanimidade, Plan Ames Progresa 2023, aprobado en Pleno de Xullo deste ano cun importe de 5.756.000€ é unha mostra de que coa colaboración e traballo de todas/os sairemos adiante”.

O alcalde, Blas García, “agradece o traballo realizado polos servizos económicos do Concello e destaca positivamente a capacidade de investimento realizado no ano 2020, que ascendeu a unhas cifras superiores aos 4 millóns de euros, a pesar de ser un ano marcado pola Covid na cal moitos dos servizos non se puideron prestar por mor da pandemia”.