Inicia a súa singradura ‘A Proa’, o coworking do Novo Milladoiro

0
72

O Novo Milladoiro está de estrea. Esta mañá presentáronse as instalacións de traballo colaborativo, orientados a fixar no concello iniciativas do sector audiovisual e das TICs. Máis dun cento de persoas asistiron a un acto onde participaron representantes de todos os partidos locais, así como do empresariado local. O acto contou coa presenza do alcalde de Ames, Blas García, que identificou este coworking cun “tesouro” para o Concello. Participaron tamén na presentación o delegado do Goberno en Galicia e ex-alcalde de Ames, José Miñones; Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña, e Ana Belén Paz, concelleira de Promoción Económica.

Os catro representantes políticos que tiveron a palabra na inauguración coincidiron en agradecer a persoal técnico, departamentos e institucións o seu traballo dende os primeiros pasos do proxecto, que comezou no ano 2016. A encargada de conducir o acto, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, valorou o esforzo dos últimos cinco anos. Parabenizouse polo feito de que “toda a veciñanza emprendedora” contará co “apoio do Concello de Ames para sacar adiante os seus proxectos”.

O seguinte en intervir foi o delegado do Goberno en Galicia e ex-alcalde de Ames, José Miñones, que tivo “A Proa” como un dos seus principais proxectos durante a súa estancia na alcaldía. Miñones mostrou un “gran alivio” pola inauguración dun “referente no emprendemento local”. “As primeiras palabras que me saen son ‘por fin’”, bromeou, afirmando sentir “un gran alivio”. “Demostrouse que o esforzo paga a pena e que da os seus froitos”, defendeu.

Pola súa banda, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou a importancia de apoiar iniciativas de este tipo que favorecen a activación da economía e evitan a emigración de persoas e talentos. “A día de hoxe hai dez centros en funcionamento como este na provincia da Coruña e máis de 200 persoas que non tiveron que iniciar o seu soño laboral en Londres, Francia ou Madrid, e que agora o poderán facer aquí, en Ames, no seu territorio, na súa provincia”.

Por último, o alcalde de Ames, Blas García, falou da inauguración de “A Proa” en chave de futuro. García quixo incidir nun dos grandes valores do concello, as empresas dos sectores audiovisuais e tecnolóxicos. “Ames ten un tesouro neste polígono do Novo Milladoiro, que é o sector do audiovisual e das tecnoloxías da información. Aquí hai empresas importantes de software e de tecnoloxía, e estanse a facer series para Netflix, para Amazon ou para a Galega”.

“A Proa”, situada na entrada do parque empresarial Novo Milladoiro, conta con 36 postos de traballo, tres salas de xuntas, zonas de recepción, descanso, reprografía e aulas de formación e eventos. O técnico de Promoción Económica, Jorge Couñago, explicou os nomes atribuídos a cada espazo, seguindo a temática marítima que envolve ao local. “Maruxía”, “Nordés”, “Amura”, “Norai”, “Sala de lecer” e “Sala de máquinas” son os seis ambientes escollidos polas técnicas e técnicos implicados no proxecto.

As instalacións “A Proa” están especialmente pensadas e orientadas cara ás novas apostas de emprendemento nos sectores do audiovisual e da tecnoloxía, reservando os seus postos a dous tipos de proxectos. Por unha banda, as usuarias e usuarios en fase de preincubación, é dicir, con iniciativas empresariais previas á posta en funcionamento, e por outra, as empresas en fase de incubación, con menos de dous anos de antigüidade.

O prazo máximo de uso dos espazos para os proxectos en preincubación será de 12 meses, mentres que para os que estean en fase de incubación será de 18 meses, cun máximo de tres postos de traballo por proxecto. De así desexalo, establecerase unha prórroga de seis meses, previa solicitude xustificada. No caso dos usuarios e usuarias puntuais, poderán solicitar a aula de formación e eventos, co fin de realizar accións vinculadas á súa actividade empresarial ou ao emprendemento.

DEJA UNA RESPUESTA

Please enter your comment!
Please enter your name here