Intervención na Porte Cabirta para estabilizala

280

O Concello de Ames está reforzando de forma puntual o arco da Ponte Cabirta, para evitar danos na súa estrutura e limitar os danos que poida sufrir durante as próximas crecidas do caudal do río Sar. Trátase dunha actuación provisional mentres se licita o proxecto de consolidación do arco e a calzada da Ponte Cabirta, na parroquia de Bugallido, coa finalidade de protexela de posibles impactos de árbores durante o inverno.

A actuación consistiu na colocación de dous bolardos preventivos que eviten os impactos directos de materiais que arrastre o río. Tamén se reforzou a base do arco para soportar as doelas. Ata o lugar achegáronse David Santomil, Tenente de Alcalde e concelleiro de Patrimonio Histórico, e Manuel Durán, enxeñeiro redactor do proxecto de rehabilitación da Ponte Cabirta no que colabora a Deputación da Coruña.

O proxecto licitarase nos vindeiros meses e está previsto que a totalidade das actuacións poidan realizarse no verán de 2021, cando o caudal do río Sar o permita. Todas as actuacións xorden da colaboración entre a Deputación da Coruña e o Concello de Ames.