Investimento de 28.000 euros para mellorar a accesibilidade da praia fluvial de Tapia

O alcalde de Ames, José Miñones, o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, e a concelleira de Turismo, Isabel González, visitaron as instalacións da praia fluvial de Tapia.

749

O obxectivo do goberno municipal era mellorar as instalacións desta área recreativa que é tan frecuentada durante a época estival

O alcalde de Ames, José Miñones, o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, e a concelleira de Turismo, Isabel González, visitaron as instalacións da praia fluvial de Tapia para ver de primeira man o resultado dos traballos feitos nesta lugar para mellorar a accesibilidade das instalacións desta área recreativa. Investíronse 28.028 euros dos cales 27.293,62 euros foron achegados a través dunha subvención da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade pertencente á Consellería de Política Social.

O Concello de Ames vén de rematar hai unhas semanas as obras de mellora da accesibilidade da praia fluvial de Tapia. O obxectivo do goberno municipal era mellorar as instalacións desta área recreativa que é tan frecuentada durante a época estival. Para iso recibiuse unha axuda de 27.293,62 euros por parte da Consellería de Política Social destinada á mellora da accesibilidade en edificios e espazos de uso público. Esta axuda está cofinaciada polo programa operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional de Galicia 2014-2020.

A través das actuacións realizadas habilitáronse dúas prazas de aparcamento adaptadas ás persoas con mobilidade reducida próximas á entrada principal. Estas prazas de estacionamento teñen unhas dimensións de 5,00×3,50 metros e contan coa correspondente sinalización horizontal e vertical. Executáronse sobre unha superficie pavimentada con adoquíns. Asemade, executouse un acceso pavimentado en formigón impreso con textura de adoquín, cunha lonxitude de 55 metros, un ancho de 2 metros e un groso de 15 centímetros con maiazo de aceiro para evitar fisuras. Esta senda une o aparcadoiro coa piscina infantil.

Tamén se realizaron actuacións nos espazos hixiénico-sanitarios

Por outra banda, para mellorar a accesibilidade fíxose un vao peonil que consistiu na eliminación dun tramo de adoquíns de 1,20 metros de lonxitude e a posterior execución dunha rampla de formigón que facilita o tránsito entre as prazas de estacionamento adaptadas, a cantina e a piscina. Así mesmo, adaptouse o mostrador da cantina, de xeito que dispón dun tramo de 1,50 metros de ancho, cunha altura de 85 centímetros, sen obstáculos e cunha altura na súa parte inferior de 0,70 centímetros para poder atender a persoas en cadeiras de rodas ou de baixa estatura.

Tamén se realizaron actuacións nos espazos hixiénico-sanitarios. Deste xeito, no módulo onde están situados os aseos e vestiarios femininos, executouse unha ducha e un vestiario independentes e accesibles para ambos sexos, e no módulo onde están os aseos e vestiarios masculinos realizouse un aseo adaptado para homes e mulleres con acceso independente. Tamén se colocou unha cadeira adaptada para o baño.