A principios deste mes, a militancia da asemblea local do BNG de Ames elixiu por unanimidade a Isabel Vaquero Quintela como nova responsable local da formación. Substituíu no cargo a Alexandre Espinosa Menor, que pasou xunto co concelleiro David Santomil a facer parte do Consello Comarcal de Compostela do Bloque. En todo caso, a responsabilidade non é nova para ela, pois xa a ostentou previamente antes de ser concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación entre os anos 2015 e 2019, lexislatura na que comezou o tripartito municipal que aínda está vixente hoxe. Falamos con ela para coñecer os pasos que ten por diante o BNG amesán e a súa valoración do pacto de goberno, do que destaca a súa estabilidade.
Cales son os retos que tes por diante como nova responsable local?
O primeiro primeirísimo de todo, poñerme ao día (risas). Tiven como dous anos de desconexión de todo, con cousas de estudos. Pero un pouco o que teño en mente, e tamén porque foi un dos mandatos que saíu da última asemblea nacional do BNG, é que o reto fundamental que temos como asemblea local é ampliar a nosa base social. Tratar de contactar con toda a xente que dunha maneira ou outra está dentro dese espectro ideal de votantes e simpatizantes do BNG e que ao mellor, polos acontecementos dos últimos 10 ou 12 anos está algo afastado incluso da política e do interese pola política. Recuperar a todas esas persoas, moitas das cales son moi valiosas e teñen experiencia. Eu creo que ese vai ser o noso cometido fundamental, ampliar a nosa base social.
Como dis, estiveches uns anos apartada da primeira liña política, pero xa tes experiencia previa como responsable local e como concelleira. Agardas volver a este cargo tamén nas vindeiras eleccións?
Iso nunca se sabe, é algo que está en mans da asemblea local, como facemos sempre no BNG. Non hai moito máis que dicir, polo momento xa bastante hai con asumir a responsabilidade local, ese é o obxectivo agora mesmo.
O BNG fai parte do goberno municipal de Ames. Cal é a túa valoración do pacto co PSdeG e Contigo Pódese?
Hai que poñelo no marco de que xa se trata dunha renovación dun pacto que comezou en 2015. Dende ese punto de vista, e como simple cidadá, eu creo que funciona ben. En primeiro, primeirísimo lugar, porque ninguén xa se cuestiona un pacto de tres, un goberno tripartito, como algo que provoca inestabilidade. Non, todo o contrario. O que se percibe é estabilidade, tranquilidade, que hai un único goberno, un goberno unido que como se di habitualmente non da que falar. Eu creo que iso a cidadanía agradéceo moito. Porque todos e todas estamos fartos de movidas varias cada vez que hai gobernos de coalición. Non digo con iso que sexan todos, pero é moi frecuente. Pola miña experiencia, a forza que ten este goberno tripartito é a de ter pactos previos de acción de goberno, e a partir de aí que cada quen asuma a súa responsabilidade. E iso creo que é bo. Por suposto, evidentemente non estou no goberno neste momento, pero polo que me contan os meus compañeiros, cando hai problemas discútense e chégase a unha conclusión consensuada. E é unha conclusión e un acordo de todas e de todos. E eu creo que iso é o fundamental. Logo, a partir de aí, bueno, pois eu creo que estes catro anos serviron para afianzar proxectos que se iniciaron nos catro anos anteriores. Claro, xa se levan case 7 anos de goberno. E iso da unha forza construtiva, porque claro, 4 anos dan case só para entrar, enterarse de que vai a cousa e iniciar proxectos. Pero velos conseguidos xa é outra cousa, e eu creo que nese sentido si que se están dando pasos para acabar de ver eses proxectos iniciados hai case 7 anos xa practicamente rematados ou xa con avances importantes. E estou pensando xa en cousas concretamente das concellarías do BNG, como poden ser todos os proxectos educativos, todas as novas infraestruturas educativas… Logo tamén hai outra cuestión moi importante, que é que foi un pacto da pandemia. Este goberno deu solucións a moitas situacións familiares e persoais moi complicadas nestes anos. E este goberno apostou, con toda a seguridade, coa máxima seguridade sanitaria, por seguir mantendo actuacións e iniciativa pública constante e non retraerse como fixeron outros moitos concellos.
Preocúpavos que esta estabilidade teña a contraparte de que a cidadanía non diferencia ben os proxectos dos diferentes partidos no goberno?
Non conseguiríamos nada preocupándonos por iso. A experiencia doutros gobernos de coalición anteriores xa nos demostrou que é complicado ás veces diferenciarse e que a xente distinga o partido que ostenta a alcaldía do resto dos partidos que están na coalición. Pero que facemos con iso? Pelexarnos? Ter malos rollos? Tratar de fastidiarnos? Sería absurdo. Eu polo menos, o que vivín nos catro anos que fun concelleira, e cónstame que é o mesmo que está a pasar agora, é que cada quen ten o seu cometido, cada quen trata de facelo o mellor posible, e a partir de aí é a cidadanía a que decide co seu voto. E como din os toureiros, “que Dios reparta suerte”, nin máis nin menos.
Que proceso vai seguir o BNG para escoller candidata ou candidato nas vindeiras municipais de 2023?
Aínda está sen tratar, evidentemente. Teremos que estar pendentes dos acordos a nivel de organización, iso o primeiro de todo como marco de actuación. E logo, como dicía antes, temos que intentar que sexa a nosa base social a que nos indique por onde deben ir os tiros. E dende ese punto de vista, dependendo do que nos veña dende arriba e do que nos veña dende abaixo, a asemblea local, coma sempre, iniciará o proceso de busca das persoas máis idóneas para facer parte desa candidatura. É moi cedo aínda.
Ata o momento estivo habendo unha diferenciación entre candidatura do BNG á alcaldía e responsabilidade local, foi unha decisión para repartir responsabilidades ou simplemente algo casual?
Eu creo que foi casual. Pero non ten maior importancia. A responsabilidade local non é un trampolín para a candidatura á alcaldía, nin tampouco o deixa de ser. Non creo que nin a nivel organizativo nin de asemblea local haxa ningún prexuízo a priori sobre se teñan ou non que ir en paralelo a candidatura a alcaldía e a responsabilidade local.