Isolina Martínez participa no penúltimo episodio de “El Camino de Santiago by Julius” de Canal Cocina

291

“El Camino de Santiago by Julius” é un programa de televisión que se emite na canle temática Canal Cocina. Ao longo de 22 capítulos o chef Julius Bienert percorre o Camiño de Santiago na procura dos sabores tradicionais máis sorprendentes desta ruta milenaria. Son máis de 800 quilómetros a pé para vila a vila descubrir as receitas máis tradicionais e os  doces máis saborosos. O chef percorreu na primeira temporada o Camiño Francés dende Saint Jean Pied de Port ata Santiago de Compostela e nesta segunda temporada Julius está a facer o Camiño do Norte. Esta ruta histórica destaca polas paisaxes espectaculares que discorren sobre acantilados, praias salvaxes e localizacións de filmes. É, ademais, un camiño que destaca pola calidade das materias primas; nestas terras o chef atopará as mellores carnes, os mellores peixes e os mellores mariscos. 

Precisamente, o penúltimo episodio da segunda temporada de “El Camino de Santiago by Julius” atravesa Ames e fai parada no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, para preparar orellas de Entroido. A veciña de Bertamiráns, Isolina Martínez, acompañou ao chef para ensinarlle a preparar unha das receitas máis típicas do Entroido galego “Á miña idade foi toda unha experiencia pero non o dubidei porque levo toda a vida facendo orellas. As orellas dan moito traballo pero que mellor doce que este que é sanísimo, só leva ovos, limón, fariña, lévedo, manteiga, anís e sal”. Cando lle preguntas polo segredo deste doce Isolina teno moi claro “hai que mesturar todos os ingredientes e amasar moi ben, despois hai que esperar a que levede a masa para poder estirala … antes facíao só coas mans, agora axúdome cun rolo e remato coas mans porque me custa máis, despois hai que fritilas e botarlle azucre” e engade “pero ten que ser mentres aínda están quentes para que chupe o azucre e queden máis saborosas”.

O penúltimo episodio correspóndese coa etapa Ames-Negreira. Neste capítulo o chef visita Brión para cociñar bonito con salsa de cereixas en “Casa Filiberto”; tamén, se achega a Vedra para aprender con María Xosé a preparar potaxe de garavanzos, grelos e chourizo e descobre un asado no restaurante Abrasador Gaia Medieval en Santiago de Compostela.

A segunda temporada de “El Camino de Santiago by Julius” comezou a emitirse no mes de xullo. Concretamente, o capítulo gravado en Ames e que ten a Isolina como unha das protagonistas emitirase no mes de outubro.