O IV Campus de Iniciación ao Atletismo Millaraio comezará en setembro

O Campus tamén incluirá actividades de piscina e unha camiñada desde Milladoiro ata o Praza do Obradoiro, en Santiago

Do 4 ao 8 de setembro, o club Millaraio organiza o seu cuarto Campus de Iniciación ao Atletismo, que se desenvolverá no complexo deportivo de Bertamiráns en horario de mañá, de 9:00h a 13:30 horas.

Esta cuarta edición do Campus procura ser un comezo lúdico e diferente de inicio de temporada para as socias e os socios do Millaraio, ofrecendo, ao mesmo tempo, unha primeira toma de contacto divertida co mundo do atletismo, para todas e todos aqueles que non son socios do Millaraio.

Alén das actividades ligadas á iniciación neste deporte como lanzamentos ou saltos, o Campus tamén incluirá actividades de piscina e unha camiñada desde Milladoiro ata o Praza do Obradoiro, en Santiago. A diario, as rapazas e rapaces participantes terán que levar roupa e calzado deportivo, auga e unha pequena merenda para o descanso. Os días nos que haxa actividade de piscina, deberase levar toalla, traxe de baño, gorro e chanclas. O Campus está dirixido a nenas e nenos nados entre o ano 2006 e o 2011.