IV Semana Europea da Mobilidade de Ames, do 16 ao 22 de setembro

41

A Semana Europea da Mobilidade (SEM) é unha campaña que leva a cabo dende o ano 2002 a Comisión Europea, co fin de promover unha mobilidade urbana sostible, animando ao cambio de hábitos a prol da mobilidade activa, o transporte público e outras solucións de transporte limpas e intelixentes. Ata o momento, máis de 1.700 cidades e vilas sumáronse á campaña deste ano, entre elas o Concello de Ames, baixo o lema “Mellores conexións”, que se sustenta nas relacións entre persoas, lugares, transporte público, planificación e política.

O Concello de Ames vai celebrar por cuarta vez consecutiva a Semana Europea da Mobilidade, que neste 2022 se desenvolve do 16 ao 22 de setembro, cunha serie de actividades a prol da mobilidade activa, do transporte público e doutros medios limpos e intelixentes. 

A concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, destacou as medidas tomadas recentemente a prol da mobilidade sostible. “Por cuarto ano consecutivo celebramos a SEM en Ames, unha campaña que fomenta o cambio de comportamentos cara á mobilidade activa, e que pretende concienciar sobre as consecuencias negativas do uso excesivo do vehículo privado. En Ames imos dando pasos neste senso, co calmado do tráfico, a redacción do Plan de Mobilidade Urbana Sostible, a instalación de pasos-minutos coa campaña “Camiños da Saúde”, o proxecto dos carreiros escolares que presentaremos o día 15, e outras actuacións incluídas no PMUS”.

O alcalde de Ames, Blas García, insistiu na importancia da mobilidade na acción do Goberno municipal. “Levamos todo o mandato apostando fortemente pola mobilidade, creando por primeira vez unha concellaría neste eido e desenvolvendo proxectos. Xa sexan o PMUS, todas as obras en infraestruturas que estamos a facer, o plan EDUSI, con proxectos como a améndoa central de Bertamiráns, o carril bici que sae da contorna de Bertamiráns ata As Cortes, e que temos a intención de ampliar ata o CEIP Agro do Muíño, ou os carreiros escolares.É un traballo que facemos porque estamos convencidos da necesidade de apostar pola mobilidade, que as persoas poidan camiñar con seguridade ou empregar vehículos sostibles”.

PROGRAMACIÓN da IV SEMANA EUROPEA DA MOBILIDADE