José Miñones: “Creo que volveremos a gobernar nas vindeiras eleccións”

605

O 25 de maio de 2015 o resultado electoral abría a caixa dos tronos outorgando unha representación moi repartida que esixía o entendemento entre as formacións políticas do concello. 

O 25 de maio do 2015 celebráronse as eleccións municipais en Ames. O panorama político era completamente diferente pola aparición de novas agrupacións políticas que ían xurdindo dos diferentes movementos cidadás. Ames non só tiña ao PP, PSdeG-PSOE e BNG senón que Ames Novo, Contigo Pódese, Pacto x Ames e Cidadáns aparecían na escena política amesán.

Os resultados arroxaron que remataban as épocas dos Gobernos de maioría absoluta ou de minoría. Agora tocaba facer coalicións, a hora de falar e chegar a entendementos políticos para poder sacar adiante o concello.

O Partido Popular gañou as eleccións con 4 escanos e 2.518 votos, seguido moi preto do PSdeG-PSOE con 4 escanos e 2.510 votos. Ames Novo conseguiu 4 escanos e 2.474 votas, Contigo Pódese 3 escanos e 1.744 votos, Pacto x Ames 3 escanos e 1.720 votos, BNG 2 escanos e 1.426 votos e Cidadáns 1 escano e 1.079 votos.

Pese a iso, as forzas da esquerda; PSdeG-PSOE, Ames Novo, Contigo Pódese e BNG entraron na fase de negociacións durante as seguintes semanas na que se acordou un acordo de investidura. O socialista Jose Miñones sería proclamado alcalde de Ames en base a unha serie de compromisos que tiñan que ser de debido cumprimento po parte do futuro Goberno. Na composición do Goberno municipal, Ames Novo cae das negociacións para formar o actual tripartito: PSdeG-PSOE, Contigo Pódese e BNG.

Pasaron xa dous anos dese momento e agora toca facer balance do acontecido dende o 2015 ata o 2017. Miñones concede unha entrevista a Revista AMSGO! para falar da realidade municipal, dos cambios de Ames dende que é alcalde e por suposto, dos proxectos de futuro e das vindeiras eleccións municipais que xa están no horizonte; maio do 2019.

– O 25 de maio cumpriuse dous anos das últimas eleccións municipais na que os socialistas de Ames conseguiron a segunda posición e que posteriormente chegan ao poder con vostede a alcaldía. Facendo balance de todo o acontecido, cre vostede que os compromisos adquiridos na súa investidura están conseguidos ou quedan cousas por facer?

Isto é algo público e transparente. Os compromisos de investidura foron 21 puntos que máis que investidura gústame chamarlle compromisos de mandato. Deses puntos, agora coa aprobación inicial dos orzamentos, case a totalidade deles están ao cen por cen. Quedan cousas pequenas como o tema de Regulación do Código Ético que xa está en marcha e que estamos tratando cos diferentes grupos políticos e o de Participación Cidadá que tamén dixemos de facer a continuación deste Código Ético. Son necesidades menores pero necesarias.

“Non temos na nosa mente estar traballando para acadar unha maioría o día de mañá senón que estamos para solucionar os problemas”

– Vostede entrou no último tramo do Goberno de Carlos Fernández para despois ocupar a posición de voceiro do grupo municipal socialista na oposición. Posteriormente presentouse nas primarias do partido e gañou. Todo isto en moi pouco tempo, pode dicirse que nalgunhas ocasión pecou de ser novato na política?

Sempre se é novato. Aínda que pasen os meses e os anos sempre hai cousas que aprender da política para ben e para mal. Cando boto a vista atrás son case dez anos que levo ligado á política porque no 2007 formei parte da candidatura de Carlos Fernández e no 2009 xa entrei como concelleiro da corporación municipal polo tanto, podo dicir, que teño certa bagaxe. Ademais, tiven a vantaxe de formar parte dun Goberno en minoría levando unha concellaría, despois estar na oposición, ser voceiro do meu grupo municipal e agora sendo alcalde neste novo Goberno. Vivín todos os posibles estados e tránsitos e estas experiencias danme certos puntos de vista á hora de gobernar. Considero que hai moito que aprender

– Xa está resolta a dúbida. Pedro Sánchez gañou as primarias do partido. Que pensa da súa vitoria? Pode beneficiar este resultado a Miñones ou aos Socialistas de Ames?

Estou moi contento. Foi o que sempre estivemos defendendo, o que buscábamos e o que xa vaticinaban os resultados previos dos avais. A partir de agora, toca falar moito e unir aquelas persoas que perderon pero que queren ser parte deste movemento. A militancia falou e quedou claro que queren outro PSOE.

Sobre o tema de que me beneficia eu creo que non, nin que gañaran uns ou outros. Eu tiña moi claro de que Pedro fora a gañador porque defendíamos esa militancia coa súa opinión e polo tanto, a Miñones dálle igual que sexa un candidato ou outro.

– Se agora mesmo se volvesen a celebrar eleccións municipais, pensa que o PSdeG-PSOE quedaría como segunda forza ou baixaría ata terceira o cuarta? Pensa vostede que isto pode ser debido ao descalabro do partido ou da falta de liderazgo que ten tanto a nivel nacional como autonómico?

Non sei o que pensará a xente. Creo que a clave política local é totalmente distinta a nacional ou autonómica e se ven en moitísimos exemplos como Vigo ou Brión que nas eleccións autonómicas e nacionais gaña o Partido Popular pero nas locais gañan os socialistas. Espero que aquí suceda o mesmo, é dicir, non temos na nosa mente estar traballando para acadar unha maioría o día de mañá senón que estamos para solucionar os problemas e sobre todo, para sacar as propostas e proxectos que quereremos poñer en marcha. Despois a cidadanía terá que valorar si merecemos estar nun primeiro, segundo ou terceiro lugar.

“Un traballa na oposición para chegar ao Goberno”

– Pero falando da súa opinión, cre que volverán a gobernar nas vindeiras eleccións municipais do 2019?

Eu creo que si. Se o estamos a facer ben, así nolo din, e seguimos facéndoo ben nos dous anos que quedan, iso terá o seu rédito político o día de mañá.

– Que valoración lle daría aos seus compañeiros de Goberno? Volvería a repetir coalición con algún deles?

Sempre o dixen e o direi. Estamos nuns tempos totalmente distintos, sobre todo na esquerda, no que se abre a moitísimas posibilidades e partidos e polo tanto é un tempo de falar, escoitar, dialogar e chegar a acordos. Así o fixemos no seu día e non tería inconveniente e volver a facelo.

As maiorías absolutas nunca son boas e estou convencido diso. Como exemplo podemos ver que sucedeu en Ames nos catro anos do Partido Popular que con maioría absoluta quedou totalmente defenestrada. Agora temos un Goberno de coalición, neste caso de tres partidos, pero cunha estabilidade que non tiveron os anteriores. Polo tanto, non creo que sexa malo que se poñan de acordo os partidos políticos, senón o contrario é algo moi bo.

– Volvería a replantearse as negociacións para incluír a Ames Novo nun novo Goberno?

Si, perfectamente. Xa o dixemos no seu día que non son partidario de excluír a ninguén, son de falar con todos. Daquela Ames Novo non coincidía cos proxectos que se estaban a falar nese momento e polo tanto non quixo entrar neste Goberno pero apoiar a investidura. Os tempos de cada vez dependen dos resultados electorais e nos dirán por onde temos que ir.

– Unha cousa é traballar no Goberno e outra na oposición. Síntese máis cómodo de alcalde ou na oposición? Cre vostede que se o seu partido estivera na oposición podería ter outro tipo de liberdade nas súas decisións?

Un traballa na oposición para chegar ao Goberno. Polo tanto, prefiro estar aquí xa que se pode facer realidade os proxectos que tes en mente. Na oposición os podes plantexar pero dependes do Goberno de quenda. Eu non me sinto maniatado en ningún momento, tanto no Goberno como na oposición, xa que podo facer o que levamos no noso programa que para iso está aprobado.

“Eu sempre tentei dende a oposición presentar os argumentos que me levaban a elo e ademais argumentalos con papeis”

– Falando da oposición. Que opina do traballo da oposición neste mandato? Cre lle
increpan moito más do necesario ou pode dicirse que están facendo un bo traballo
dende as súas cadeiras?

Como dixen antes, eu estiven na oposición e me permite coñecer o seu funcionamento e eles fan o seu traballo. Eu sempre tentei dende a oposición presentar os argumentos que me levaban a elo e ademais argumentalos con papeis. Aquí vexo que moitas veces se din cousas sen necesidade de argumentalas ou xustificalas e outras que adoitan ser mentiras. Por exemplo, o tema do rural. Teño os datos numéricos que amosan a realidade do que hai.

Polo tanto, boto en falta a coherencia e a responsabilidade ao seu cargo como é o caso recente do Partido Popular. Votan en contra de facer uso do superávit, en contra do que vota o seu partido a nivel da FEMP e chegando a nivel nacional xa que o seu propio partido a nivel nacional presentou una emenda para os orzamentos do Estado de maneira que se poida utilizar ese superávit. Parece que teñen unha venda posta para dar entender que non queren utilizar ese diñeiro para que o concello siga medrando. Creo que hai saber poñer onde están os límites.

– Precisamente, unha das acusacións da oposición é que vostede peca de deixadez do cargo ou da falta de resposta en moitas dos escritos que eles mesmos presentan ou preguntan nos plenos.

Teñen que dicirme ao que non se lles resposta e entón poderemos argumentar en cada unha delas. Hai un seguimento de cada unha das preguntas e incluso, por primeira vez, estamos dando respostas nos plenos. Só temos que recordar dous anos atrás, no Goberno de Amor, que acontecía cos rogos e preguntas que facíamos dende a oposición e que non se contestaban.

Agora todo o que se pregunta nos plenos se contesta no momento, practicamente o cen por cen, e o que queda pendente, faise despois. Loxicamente, non podemos parar a administración por preguntas que eles mesmos saben as súas respostas.

– E inevitable facer comparacións deste Goberno co do anterior alcalde, Santiago Amor, ou co de Carlos Fernández. Pensa que está facendo mellor as cousas que os dous anteriores alcaldes?

Estou convencido. Con respecto aos catro anos de Amor seguro, pero non me compararía cos outros anos anteriores porque o traballo de Carlos Fernández foi o que permitiu chegar ao Concello de Ames a súa posición actual. Pero iso si, nos últimos catro anos no que denunciábamos que había unha parálise por parte de Amor, queda máis que demostrada. Agora pódese levantar a vista e ver todo o que se está a facer.

Hai asuntos de calado que estaban paralizados, como o Centro de Saúde do Milladoiro ou o cemiterio, que agora están en marcha ou para resolver. Tamén estamos sacando pequenos asuntos que son importantes no día a día e que antes non se facían.

“Hai asuntos de calado que estaban paralizados, como o Centro de Saúde do Milladoiro ou o cemiterio, que agora están en marcha ou para resolver”

– Fáleme dalgúns dos seus logros dende que chegou a alcaldía.

Principalmente, a reorganización do persoal, a RTP, porque é un tema que durante dez anos non se atreveu a tocar ninguén pola súa dificultade. Nós a regularizamos nunha primeira fase, agora estamos na segunda, e conseguimos estar en contacto directo con temas de persoal e con comisións de traballo continuas.

O Centro de Saúde do Milladoiro. Todos os trámites que quedaban pendentes de facer xa están desbloqueados pola sinatura do convenio. Nos vindeiros días imos a levar á Xunta de Goberno Local o proxecto de urbanización e mesmo se está a traballar coa Xunta e o Sergas na licitación.

O cemiterio. Un dos grandes investimentos que se fixo neste concello e quedou paralizado; reinvestimos 300.000 euros e agora se xestionará de forma pública.

A situación económica de Ames. Tema que sempre se nos achacou aos socialistas de que se chegábamos ao Goberno isto sería unha desfeita económica. Estase demostrando con datos que iso non é así: menos período de pago a provedores (5 días) coa cifra máis baixa da historia de Ames, rebaixa da débeda no que estamos por primeira vez por debaixo dos 3 millóns de euros, superávit nas contas e un remanente de tesourería para poder utilizar.

Fixemos o Regulamento de Organización Plenaria, o tema de transparencia co portal da web cos datos públicos e podería seguir e seguir con temas de licitacións, regularización de contratos, Ciclo Integral da Auga…

“Ao mellor era preferible reunirnos antes cos comerciantes para explicarlles o que tiñamos pensado facer”

– Non sempre poden ser todas as cousas boas. Cre vostede que fixo algo mal nestes dous anos de Goberno? Gustaríalle remendar ou poder rectificar algunha decisión que lle puido comprometer publicamente?

Non son quen de pararme a pensar naquelas cousas que están mal feitas, se teñen solución temos que buscala para resolvela. Cando un fai as cousas, fainas dende o convencemento de que está a cumprir a lei e de que é posible facelo e levalo adiante. Seguro que hai cousas que se poderían mellorar con máis tempo e facéndoas doutro xeito.

Venme a cabeza a cabalgata. Pois si, ao mellor era preferible reunirnos antes cos comerciantes para explicarlles o que tiñamos pensado facer. En fin, son cousas que se fan sen pensar que van a xerar un tipo de polémica porque cres que é o mesmo que se ven facendo, tentando melloralo, e o final ves que non ten esa aceptación.

– A polémica sobre o cambio da parada dos taxis no Milladoiro tamén entra dos seus erros?

Rectificamos a tempo cando observamos ese movemento veciñal. Falamos con eles e buscamos unha solución paralela. Son cousas do día a día que non pensas que vai ter tanta repercusión e cando as tes, pois intentas solucionalo.

“Son cousas do día a día que non pensas que vai ter tanta repercusión”

– Falando doutra polémica. No numero de abril da nosa revista falamos da retirada dalgúns parques infantís en Ames. Fixo ben o Goberno en retirar o parque, por exemplo o de Sisalde, para dicirlles aos veciños que foran ao do Agro do Muíño?

Cando tomas decisións sempre hai unhas que van a gustar máis ou menos pero as tomas en base a un criterio, é dicir, nós temos un volume de parques tan elevado que é imposible manter a seguridade que se rexe no Regulamento Europeo e antes de que pase algo, tomamos medidas. Primeiro fixemos esa auditoría e agora o que queríamos saber é deses parques onde se poden reubicar en función das distancias.

No caso concreto de Sisalde é un parque, información obtida dende o departamento de obras e do propio concelleiro, que non ten uso. Os elementos de xogo estaban rotos, como os de Lapido, polo tanto non se podía xogar e o único que estaba medianamente ben, o tobogán, tiña un avespeiro dende fai meses e como comprenderás dubido moito que os rapaces xogaran a diario coas avespas polo medio.

Máis alá do encordio para unha ou dúas persoas, a realidade é que imos a facer unha pista polideportiva a escasos metros, na urbanización Agro do Muíño, que xa se vai utilizar polos veciños e veciñas de alí e que ademais teñen un parque que poden utilizalo. Así non incumprimos a normativa.

Atopámonos que case todos os parques van dirixidos a idades moi determinadas. Cando en Ames fai dez anos había moitos rapaces de tres ou catro anos, agora temos mozos e mozas con trece ou catorce anos e polo tanto haberá que buscar parques adaptados para os adolescentes. No caso de Lapido buscamos facer un parque de adolescentes de parkour e destes novos xogos que teñen. Queremos estender todo isto ao longo do concello.

– Ten algún proxecto ou proxectos en mente que queira facer neste dous anos que lle queda de mandato? Pensa vostede que o pode conseguir os apoios necesarios ou cre que pode ocasionar un bloqueo institucional se non consegue a maioría?

Temos moitísimos proxectos en mente pero que é imposible facelo en estes dous anos porque a administración vai ao ritmo que vai. Por exemplo, a xente demanda un parque central en Milladoiro que estamos traballando nel. Agora estamos reubicar todos os elementos de xogo na zona da Casa da Cultura, piscina e demáis. A rehabilitación da piscina, estase a facer o parque adaptado alí mesmo ao igual que os parques biosaludables que irán nesa carballeira. Ábrese o paso dende Travesía do Porto a esa zona verde e estenderase cara abaixo da Igrexa e sen ten pensado continuar na zona de enfronte. Queremos que iso sexa como o pulmón e que vaia unindo co S-15, por iso nos interesaba tanto o centro de saúde, con ese corredor verde e trasladalo a Avenida de Rosalía de Castro e así poidamos ter un cinturón verde a través do Milladoiro. É un gran tema para Milladoiro que posiblemente non se remate neste mandato pero quedará plantexado como un gran proxecto.

Deste mesmo xeito en instalacións deportivas temos outros grandes proxectos como a ampliación do pavillón en Milladoiro, pista de squash en Bertamiráns, pistas de tenis adaptadas e outra zona verde de xogo en Bertamiráns.

Son moitos os proxectos que levamos en marcha e que queremos acadar. Necesítase maioría? Loxicamente moitas destras obras irán nos POS e polo tanto teremos que xestionar esa maioría facendo partícipes, como sempre o fixemos, aos grupos da oposición para que metan as súas solicitudes pero tamén pediremos a súa responsabilidade. Non pode ser que ti votes en contra dos orzamentos, vas a páxina web do partido e ves que leva no seu programa máis do 60% do que levamos nós.

“Que os partidos da dereita, neste caso o Partido Popular e Pacto x Ames, levanten a bandeira do rural dáme carraspeira e urticaria”

– Milladoiro sempre foi un gran esquecido dos diferentes alcaldes de Ames nos seus mandatos. Ten este Goberno unha débeda con ese núcleo poboacional? Cre vostede que algún día esa débeda pode ser saldada?

Non me gusta falar de Bertamiráns e Milladoiro. Cando ti vas a Milladoiro te falan de Bertamiráns, cando vas a Bertamiráns te falan de Milladoiro e se vas ao rural te falan das dúas. Ao final somos Ames e iso é o importante. Nós miramos para Ames en xeral.

Si que é certo que cando unha poboación crece exponencialmente tes que atender con mais demanda ese núcleo e no caso de Milladoiro e Bertamiráns sucedeu co boom demográfico que se viviu e que segue a suceder. Milladoiro, polo Plan Xeral que ten, medrou da forma que medrou; arredor dunha N-550, con edificios de gran altura e a construción non ten nada que ver co se fai do centro de saúde cara arriba. Polo tanto, ten necesidade de espazos.

Cando me ven un veciño e me di que quere un espazo verde eu lle poño o mapa diante e lle digo “dime onde” porque non hai espazo reservado para iso. Levamos máis de un millón de euros investidos en Milladoiro cos diferentes plans de obras dende que chegamos ao Goberno. Non por débedas senón pola demanda de servizos dos veciños e veciñas.

– Os partidos da oposición acúsanlle de esquecerse do rural nas diferentes inversións do concello. Temos que recordar que o seu partido obtivo un gran apoio do rural nas elecciósn do 2015. Pensa vostede que esas acusacións son infundadas? Ten este Goberno un compromiso co rural?

Por suposto. Este Goberno ven investido 1.800.000 euros no rural nos diferentes plans de obras que ten o concello. É falso iso que din de que no rural non se está investindo porque é onde máis se está investindo, máis que no Milladoiro e máis que Bertamiráns.

Que os partidos da dereita, neste caso o Partido Popular e Pacto x Ames, levanten a bandeira do rural dáme carraspeira e urticaria porque pensar o que fixeron cando estiveron no Goberno, conxuntamente, o vivimos todos.

“Se algo teño é que delego moitísimo e sempre me acusan dende a oposición desta faceta”

– Acúsase aos políticos que levan un tempo na cadeira de mando que teñen o síndrome de Hubris ou tamén chamada a enfermidade do poder, é dicir, que cren sabelo todo dos seus veciños e veciñas. Miñones padece desta enfermidade ou pola contra ten os pes no chan en todo momento?

Creo que non. Se algo teño é que delego moitísimo e sempre me acusan dende a oposición desta faceta. Teño plena confianza na xente que está no Goberno, é dicir, os concelleiros. Así o facía cando estaba de concelleiro e na oposición. Non pode haber un súper alcalde que leve todo senón que haxa concellarías que traballen de forma transversal. Neste caso é o que acontece.

Nós facemos unha reunión de coordinación cos técnicos todos os luns, unha reunión de Goberno todos os xoves e é nesas onde tratamos todos os temas a levar a cabo. A veces hai que tomar decisións e nese caso se toman cos compañeiros de Goberno. Creo que é a fórmula de como deben de funcionar as cousas. A vantaxe que temos aquí e que estamos traballando en base a un programa e polo tanto as ideas quedan aparcadas.