Logo de se coñecer o peche perimetral conxunto de Ames, Santiago e Teo, nos que se impedirá durante polo menos catro días a mobilidade externa, o alcalde de Ames, José Miñones, recordou que todo Ames pasará mañá á fase 3 do estado de alerta. Nesta situación non poderá utilizarse o interior dos bares e as terrazas terán un aforo limitado e só poderán ser utilizadas por persoas que convivan.
Miñones considerou que estamos a vivir “tempos difíciles” nos que “o avance do virus depende só de cada un de nós”. O Concello, sinalou, “manterá pechados os parques infantís e canchas deportivas, e suspendidas as actividades”.
Hoxe Ames rexistra 114 casos activos de COVID-19 e segue en vermello no mapa de incidencia da Xunta (máis de 21 casos novos por semana detectados a través de PCR).
“Toca baixar esa cifra e concienciarse da gravidade da situación”, defendeu o alcalde. Miñones desexou “moito ánimo” á veciñanza e pediu responsabilidade, minimizar o contacto social e permanecer só en contacto cos conviventes.