Lembranza ás vítimas da violencia machista no acto institucional do 25N

105

A veciñanza de Ames achegouse este sábado, 25 de novembro ás 11.00 horas, á praza do Concello para participar outro ano máis no Día internacional da eliminación da violencia contra a muller. O acto comezou cunha performance da Plataforma Feminista Galega en Ames, na que se recordou cada un dos nomes da mulleres vítimas de violencia de xénero no que vai de 2023. A continuación leuse o manifesto institucional e gardouse un minuto de silencio en recordo das vítimas da violencia machista. Ás 11.30 realizouse a andaina Achégate á igualdade e pola tarde, ás 20.00 horas, houbo un concerto no Milladoiro a cargo do grupo The Tetas Van.

A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Uxía García, explicou que este ano “tanto coas xornadas como con este acto quixemos facer ver que a igualdade é cousa de todas e todos, unha loita que non pode ser librada só por unha metade do mundo”. A concelleira, confesou estar “moi orgullosa da resposta de Ames contra a lacra da violencia machista” e engadiu que “nesta loita debemos estar todos a unha, non podemos dar nin daremos un paso atrás”. Tamén participaron na lectura do Manifesto a concelleira do grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego, Escarlata Pampín; e a concelleira do grupo municipal popular, Oliva Agra. O alcalde de Ames, Blas García, foi o encargado do peche da lectura deste manifesto. O acto rematou cun minuto de silencio en recordo das vítimas e coa andaina achégate á igualdade.