Todo listo para a programación de actividades de outono

674

A programación outonal comezou o pasado domingo, 1 de outubro

Coa chegada do outono chega tamén a programación do Concello para o último trimestre do ano. Ao longo de outubro, novembro e decembro, Ames vai acoller espectáculos de teatro, un certame de cinema infantil, actividades deportivas, varios obradoiros e un festival de maxia. A programación outonal comezou o pasado domingo, 1 de outubro, coa limpeza do Rego dos Pasos, encadrada dentro da iniciativa “Móllate polos ríos” da asociación Adega.

Após a limpeza do Rego dos Pasos, a seguinte das actividades programadas é o espectáculo infantil de teatro-circo “Outono”, da compañía Pista Catro, que será representado ás 18:00 horas deste venres 6 de outubro, na Casa da Cultura do Milladoiro. A esta, seguírana outras moitas actividades, que ao longo dos próximos tres meses, animarán a vida cultural e deportiva do concello de Ames.

Durante a última fin de semana de outubro, os días 27, 28 e 29, terá lugar a duodécima edición do Festival de Maxia de Ames. Será na Casa da Cultura do Milladoiro, da man de Abarajar Producciones. O primeiro dos días, o venres 27, o festival estará destinado ao público infantil e contará con dúas sesións de maxia. Unha, ás 17:00 horas, oreintada a nenas e nenos entre os 0 e os 3 anos; e outra ás 18:30h, orientada a crianzas de entre 3 e 6.

Os espectáculos do sábado e do domingo estarán pensados para un público de todas as idades. O sábado tamén haberá dúas sesións: a primeira, ás 17:30h, e a segunda, ás 20:30h. O domingo, o Festival de Maxia rematará cunha última exhibición ás 18:00 horas.

Durante a última fin de semana de outubro, os días 27, 28 e 29, terá lugar a duodécima edición do Festival de Maxia de Ames

As representacións teatrais incluídas na programación do Concello para este outono, conforman a XII Mostra de Teatro Amador, a cal se desenvolverá en Ames ao longo destes meses. A primeira das obras, que dará inicio á Mostra, é “A Corda”, de The Puntillas Teatro, que será representada o 20 de outubro, ás 21:00h, na Casa da Cultura do Milladoiro. A peza, que é interpretada por membros da Escola de Teatro de Santa Comba, é unha adaptación do filme de Alfred Hitchcock, “A Soga”.

“Shakespeare para todos”, pola súa banda, será escenificada o 3 de novembro. A obra é unha comedia na que se relata a historia dun par de funcionarios públicos aos que se lles asigna un teatro e un orzamento destinados a montar “Romeo e Xulieta”. O grupo de teatro O Catre, da asociación cultural Allende das Pontes, virá a Ames, o 10 de novembro, representar a obra “O medo meu”, na que se aborda o xeito no que as persoas convivimos cos nosos medos. Ambas as obras serán representadas na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 21:00 horas.

O 17 de novembro, será o grupo municipal de teatro de Ames o encargado de interpretar “O enmeigado. Traxedias en terras do Salnés”, de Ramón María del Valle-Inclán. Unha obra que retrata unha sociedade, onde a miseria das desposuídas busca, por veces, camiños revirados para conseguir o pan.

A XVIII Carreira Pedestre Popular do Concello de Ames celebrarase o 22 de outubro, a partir das 10:30h, na praza do Concello de Bertamiráns

Alén da programación teatral, o 18 de novembro, haberá un concerto de corais. A partir das 19:00h, na Casa da Cultura do Milladoiro, actuarán a Coral Polifónica Virxe da Barca de Muxía, Ao Son da Sacha, Airiños do Paseo Colón e o C.P. Antonio Santomil de Bugallido.

O 14 de outubro, desenvolverase, na praia fluvial de Tapia, un paseo interpretativo en kayak. Será ao longo dunha hora e media, de 10:00h a 12:30h. Para participar, será preciso inscribirse, existindo unicamente 20 prazas. As rapazas e rapaces interesados en asistir, e que sexan menores de idade, deberán estar acompañados dunha persoa adulta.

A XVIII Carreira Pedestre Popular do Concello de Ames celebrarase o 22 de outubro, a partir das 10:30h, na praza do Concello de Bertamiráns. En novembro, o sábado 25 e o domingo 26, o pavillón municipal de Bertamiráns acollerá o campionato de patinaxe artística de Ames. A competición, cuxa entrada será aberta e de balde, está organizada polos clubs de patinaxe Sarela e Omega.

O 5 de novembro, a Aula da Natureza de Ames organiza un paseo interpretativo guiado polas fragas de Agrón. A actividade, que está dirixida a persoas adultas e a menores de idade acompañados, discorrerá entre as 10:30h e as 14:00h. Para participar será preciso inscribirse previamente, enviando o formulario de inscrición ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal (estarán dispoñibles 40 prazas). Para achegarse ata Agrón, haberá servizo de autobús desde Milladoiro e Bertamiráns.

A Aula da Natureza tamén pon a disposición das persoas interesadas un curso de 20 horas, sobre a posta en marcha dunha horta sostible

A Aula da Natureza tamén pon a disposición das persoas interesadas un curso de 20 horas, sobre a posta en marcha dunha horta sostible. As sesións e as visitas desenvolveranse os días 15, 22 e 28 de outubro e o 4, 11 e 26 de novembro, en horario de 10:30h a 13:30h. En decembro, o sábado 2, a Aula da Natureza tamén organiza un obradoiro de creación de xardíns verticais, de 10:30h a 14:00h. Os dous cursos están destinados a persoas maiores de 16 anos e contan con 20 prazas.

Desde a Aula da Natureza de Ames tamén se organiza un obradoiro de tinturas naturais, o 25 novembro. Será en horario de 10:30h a 13:30h. Para participar será preciso inscribirse (existen 20 prazas a ser cubertas por persoas maiores de 16 anos).

O 21 de outubro, o paseo fluvial de Bertamiráns acollerá o I Festival do Millo.

O 21 de outubro, o paseo fluvial de Bertamiráns acollerá o I Festival do Millo. Entre as 16:30h e as 19:30 dese día, as persoas interesadas poderán coñecer os procesos de escanado, esfollado, debullado, muiñada e cociñado do millo. A actividade estará orientada para toda a familia.

En novembro, o sábado 18, organizarase unha xornada enteiramente adicada aos cogomelos. Realizaranse, entre outras actividades, unha charla de iniciación, unha saída de campo e un obradoiro sobre cultivo en tronco.

O primeiro festival internacional de cinema infantil de Ames, “Cinema Crianza”, celebrarase no noso concello durante os días 15,16 e 17 de decembro

Un ano máis, o Concello organiza o concurso radiofónico de teatro lido de Ames. Dirixido ao alumnado do concello matriculado en calquera dos cursos da ESO, o concurso non limita a escolla das temáticas, aínda que si valora que estean relacionadas con temas de actualidade. A participación poderá ser en grupos formados por entre 2 e 4 persoas. Os premios, pola súa parte, serán outorgados conforme as votacións do público.

O primeiro festival internacional de cinema infantil de Ames, “Cinema Crianza”, celebrarase no noso concello durante os días 15,16 e 17 de decembro. As proxeccións terán lugar tanto nos auditorios da Casa da Cultura de Bertamiráns como na do Milladoiro. Os filmes incluirán diferentes xéneros como a animación, a ficción e o documental e estarán orientados aos diferentes rangos de idade. Haberá dúas seccións competitivas de curtametraxes, alén dunha programación fóra de concurso.