As Bibliotecas municipais de Ames continúan coas presentacións de libros do programa Encontros Literarios. O segundo encontro da nova tempada 2023-2024 terá como protagonista a Luciano do Monfadal (Luciano Ares Díaz), natural da Mariña pero veciño de Ames dende hai oito anos, que vai presentar a súa primeira obra “Patria de Maeloc”, editada por Toxos e Soutos. O acto, que terá lugar no Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 20:00 horas, estará presentado polo alcalde de Ames, Blas García.
Sinopse de “Patria de Maeloc”
Este libro é unha colectánea de varios poemas e contos. Os poemas veñen recollidos baixo o título “Patria de Maeloc”, mentres que os contos presentan temáticas e títulos diversos: “A historia da Quisca” fala da vida da última cadela do autor,“As aventuras de Thanos e Mac” é un conto imaxinado sobre dous cans reais, e “Os contos de Guedellas” son unha miscelánea de contos de cans que lembran a Cipión e Berganza, os cans de “El coloquio de los perros” (1609) de Miguel de Cervantes.
O obxectivo de Luciano do Monfadal é que a defensa da lingua galega estea presente en todo o que escribe: “A miña idea é defender a miña lingua, aquela que me ensinaron miña nai e miña avoa, naquel mundo de labregos no que me criei e que hoxe está practicamente desaparecido”.
Sesións da nova tempada
O pasado 9 de novembro tivo lugar a primeira presentación, coa obra “Pecados veniais” de Nazaret López como protagonista. O próximo acto será o xoves 14 de decembro, cando Carlos Negro presentará “O tempo dos lagartos”, editado por Galaxia, para pechar o ano.