Máis dun milleiro de persoas celebrou as Prebadaladas de Ames

134

Este sábado, 31 de decembro, volvéronse celebrar as Prebadaladas de Ames. O evento, que se organizara por primeira vez en Ames no 2019 cun gran éxito de participación, volveu encher a praza do Concello de pequenos e maiores para darlle a benvida ao novo ano de maneira anticipada.

As Prebadaladas comezaron as 11:00 horas. Ese foi o momento en que os veciños e veciñas de Ames puideron acceder á praza para recoller unha bolsa con produtos locais e comezar a gozar das actividades programadas. Os membros da organización repartiron entre a veciñanza 1100 bolsas. Os primeiros 500 adultos en entrar á praza recibiron unha bolsa con cotillón, chicharróns, arandos e un vale para trocar por cervexa Estrella Galicia para brindar polo ano novo. Pola súa banda, a rapazada tamén contou con bolsa propia, e que incluía cotillón, uvas de lambetada sen glute e un batido para brindar. Para a elaboración das bolsas o Concello contou coa colaboración da froitaría Tomate más Fruta, que obsequiou os arandos, e de Feiraco, que doou os batidos para os máis pequenos.

Unha vez dentro, os asistentes puideron percorrer os distintos postos instalados na praza para amenizar a xornada. Houbo postos de algodón de azucre, de flocos de millo e un posto de globoflexia. Ao longo da mañá formáronse longas ringleiras en todos e cada un dos postos, xa que, foron moitos/as os/as nenos/as que quixeron gozar das lambetadas que o Concello puxo a súa disposición de xeito gratuíto.

A celebración contou, ademais, coa participación das comisións de festas de Bertamiráns e do Milladoiro, que instalaron unha barra para recadar fondos para financiar os festexos do vindeiro ano tanto para as festas da Peregrina como para as festas da Madalena. Os membros das comisións de festas fan unha valoración moi positiva e están moi contentos co resultado desta nova actividade posta en marcha para recadar fondos para as festas.

Pasadas as 11:30 deu comezo o acto que estivo conducido pola presentadora Loli Gómez. O alcalde de Ames, Blas García, aproveitou a ocasión para darlle a benvida a todos os veciños e veciñas de Ames e desexarlle a toda a veciñanza un Feliz aninovo. A continuación, Loli Gómez, guiou aos veciños e veciñas nese máxico momento de despedir o 2022 e darlle a benvida ao 2023. E fíxoo grazas a un gran reloxo instalado na fachada principal da Casa do Concello. Ao seu son a veciñanza comeu os 12 arandos e a cativada as 12 lambetadas para celebrar a chegada do ano novo.

Tras ese momento de celebración chegou o tempo da música que veu da man dos/as gañadores do certame Canta con Ames 2021 e 2022. Carmen Cuevas, Lara López, Noelia Bellas, Adriana Vigo, María Iglesias, Montse Angueira e José Rey subíronse ao escenario para cantar varias panxoliñas e un variado de temas para que a veciñanza recibira o novo ano cantando e bailando xuntos.

As Prebadaladas remataron as 13:30 horas coa Corporación Municipal, as/os gañadoras/es do Canta con Ames, bailaríns e Loli Gómez cantando unha panxoliña composta por Inés Suárez, das Maianas, para a ocasión. En total, foron dúas horas e media en que a veciñanza gozou dun ambiente festivo e familiar para darlle a benvida ao 2023 de xeito anticipado. Pinchando neste link podedes ver un vídeo resumo das Prebadaladas de Ames.

O tempo respectou e, malia o forte vento que soprou durante todo o acto, non choveu permitindo que pequenos e maiores gozasen das Prebadaladas. Con todo, os refachos de vento que se rexistraron tanto na xornada do sábado coma na tarde do venres impediron que as Alfombristas de Ames realizaran unha alfombra floral coa que querían sumarse á celebración e felicitar a toda a veciñanza o ano novo.

As Prebadaladas forman parte do programa deseñado pola Concellaría de Promoción Económica para festexar o Nadal en Ames. A concelleira, Ana Belén Paz, quixo “agradecer a todos os veciños e veciñas e visitantes da contorna que se acercaran a Ames para gozar deste evento festivo”. Do mesmo xeito agradeceu o traballo “das empresas que fixeron posible o evento: Productora Mirabelle, Cunde, Biosbardos e Retumba risas. Así como a colaboración dos membros das comisións de Festas, das Alfombristas de Ames que pese ao mal tempo intentaron facer a alfombra, dos membros de Protección Civil e da Policía Local e de Víctor Hugo que cedeu aos fotografías do acto”. A concelleira de Promoción Económica destacou, tamén, que as Prebadaladas conducidas por Loli Gómez se converteron noutro premio para as/os gañadores do concurso Canta con Ames.