Malestar no Concello polo anuncio da Xunta de tentar frear xudicialmente a humanización de Rosalía de Castro

93

A Xunta de Galicia vén de comunicar, con data do 6 de febreiro de 2024, por medio do Director Xeral da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez Iglesias, que presentará un recurso contencioso administrativo contra o proxecto de humanización da travesía do Milladoiro. Este anuncio chegou 5 meses despois de que Menéndez, nunha intervención na Comisión 2ª do Parlamento Galego, adiantara que a Xunta de Galicia interporía un recurso para paralizar o proxecto de humanización da travesía do Milladoiro.

Reacción do alcalde: A seguridade dos veciños do Milladoiro para a Xunta custa 2 millóns de euros e un puñado de votos”.

O rexedor amesá vinculou a forma de actuar da Xunta de Galicia coa necesidade de facerlle oposición ao Goberno de España a estas alturas de campaña electoral así como de atopar unha compensación económica polo desvío do tráfico polas vías autonómicas: “Para esta Xunta de Galicia a saúde e a seguridade dos veciños do Milladoiro custa 2 millóns de euros e un puñado de votos”, resume García.

O alcalde tamén lle afea tanto á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, como ao Director da AXI, Francisco Menéndez, a falta de respecto institucional que amosaron durante todo este proceso, dende o primeiro anuncio en prensa en outubro do ano pasado ata a comunicación oficial, 5 meses despois, por vía dun recurso contencioso administrativo: “Esta Alcaldía tendeu sempre a man para buscar unha solución e non obtivo resposta nin por parte da Conselleira nin do director. Nunca buscaron o acordo, quixeron chegar a este punto dende o primeiro instante”.

Nos vindeiros días, cando se coñeza o contido da demanda, o Concello de Ames estudará as accións a levar a cabo xunto a Delegación do Goberno e o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

A actuación na avenida de Rosalía de Castro converterá a actual travesía, pola que circulan 30.000 vehículos diarios, nunha vía urbana para mellorar a seguridade viaria, impulsar a mobilidade sostible e mellorar a calidade de vida da poboación da súa contorna. O proxecto contempla a reordenación e optimización do espazo público, pavimentación de beirarrúas e carrís de circulación, así como a xeración de itinerarios peonís accesibles. Daráselle prioridade ao transito peonil pero sen restrinxir o tráfico rodado. Ademais, renovaranse as zonas de parada do servizo de transporte metropolitano.