Todo en marcha para o IV campus de atletismo Millaraio

Todas as actividades de iniciación ao atletismo son combinadas con xogos de equipo, olimpiadas e tempo de lecer na piscina

Ao longo desta semana 30 rapaces e rapazas están participando no campus de iniciación ao atletismo que organiza o Club Millaraio. Esta actividade desenvolverase de luns a xoves no pavillón polideportivo de Bertamiráns, en horario de mañá, de 9:00h a 13:30 horas. O venres, os nenos e nenas participarán nunha andaina entre o Multiusos Fontes do Sar e o Monte do Gozo, que rematará cun baño nas novas piscinas instaladas neste lugar de Santiago de Compostela.

O club de atletismo Millaraio está organizando un campus ao longo desta semana. Esta actividade, que se desenvolve no pavillón polideportivo de Bertamiráns, está dirixida a nenos e nenas nados entre o ano 2006 e o 2011. De luns a xoves os 30 rapaces e rapazas que están participando neste campus participarán en varias actividades de iniciación do atletismo, así como en actividades lúdicas e de piscina, se o tempo o permite.

Na primeira xornada celebrada esta mañá, os usuarios/as deste campus realizaron actividades de carreira, xogos de lanzamento e salto de vallas. Para o martes está previsto que ensaien as saídas e participarán en actividades de velocidade, xogos de forza e xogos de coordinación por equipos. O mércores practicarán o salto de altura, a marcha e o salto de lonxitude, mentres que o xoves farán xogos de resistencia e relevos. Todas estas actividades de iniciación ao atletismo son combinadas con xogos de equipo, olimpiadas e tempo de lecer na piscina.

O campus pecharase cunha actividade no medio natural o venres. Os nenos e nenas participarán nunha andaina entre o Multiusos Fontes do Sar e o Monte do Gozo, que rematará cun baño nas novas piscinas instaladas neste lugar de Santiago de Compostela. Trátase dun campus que lle permite aos rapaces e rapazas iniciarse e coñecer diferentes actividades do atletismo.