Medallas do Concello para José Miñones e Ramón García Argibay

44

O Concello de Ames recoñeceu cun acto institucional que tivo lugar onte á tarde o labor do ex alcalde José Miñones e do ex concelleiro Ramón García Argibay. O acto celebrouse no salón de plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns, coa presenza dos homenaxeados, dos integrantes da Corporación municipal, as catro medallas do Concello de Ames, representantes do persoal do Concello e familiares, que presenciaron a entrega das medallas do Concello a Miñones e Argibay.

O alcalde de Ames, Blas García, abriu o acto de agradecemento celebrando “o traballo realizado de dúas persoas que formaron parte desta Corporación durante moitos anos, e que polo tanto traballaron polas veciñas e veciños deste concello, algo moi importante e que non se valora en ocasións, pero os que estamos na política local temos que poñelo en valor”. Posteriormente, todos os portavoces municipais recoñeceron as achegas á política local das figuras homenaxeadas, independentemente de calquera diferenza ideolóxica.

Ramón García Argibay foi o primeiro en recibir o recoñecemento do Concello de Ames. “Non podo mostrar máis que agradecemento, moitas grazas ao alcalde e a todas as persoas que dalgún ou outro xeito están dando un pulo a este concello, todos sodes imprescindibles. Ao Delegado do Goberno, cando foi o seu nomeamento encheunos a todos de ledicia. Ao ex alcalde, José Astray, que para min sempre foi un referente, e a Alfonso Rey, que nos marcou a todos no Partido Popular de Ames. A traxectoria das persoas inflúe sempre na vida municipal, a política máis importante de todas e da que nunca quixen marchar”.

Por último, Argibay destacou o respecto mutuo e a cordialidade ao longo do seu paso pola Corporación municipal. “Neste concello durante moitos anos, fóra das rivalidades políticas sas, sempre se gardou o respecto e a confrontación enriqueceu. O que si que hai neste concello son boas persoas, independentemente de como pense un ou outro. Grazas a todos os membros da Corporación e do Partido Popular, foi un pracer traballar convosco. Pedir desculpas polos erros que cometeramos, foron motivados pola lealdade ao Concello de Ames”.

En segundo lugar, foi o Delegado do Goberno e ex alcalde de Ames, José Miñones, o que recibiu a súa medalla. “Moitísimas grazas a todos os que estades hoxe aquí, en especial as nosas catro medallas do Concello. Foron doce anos e medio onde tiven experiencias de todo tipo, estar como concelleiro, na oposición e como alcalde durante seis anos e medio, a maior honra. Ademais tiven a fortuna de chegar a alcaldía tras pasar pola oposición, algo moi importante para ter esa outra mirada, a de que os doutro lado fan oposición coa máxima dedicación e esforzo, ao igual que as concelleiras e concelleiros do Goberno”.

Para concluír, Miñones insistiu na importancia do “recoñecemento” ao labor dos políticos e políticas municipais. ”Dedicámonos á xente, dedicamos moitas horas, levamos os problemas a casa, durmimos co telefono acendido, e creo que é unha dedicación que merece ser recoñecida. Dar grazas a todo o persoal, nós marchamos pero eles quedan ao fronte para sacar os asuntos adiante, tamén nas discrepancias e nos momentos malos. Agradecer a todos os concelleiros que coñecín ao longo dos doce anos, en especial aos grupos do trigoberno de ambas lexislaturas, fomos quen de poñer Ames por diante, deixando a un lado as siglas, e esa é a fórmula que sigue funcionando”.