Medio cento de veciños de Tapia, Ameixenda, Augapesada, Covas e Ortoño adquiriron competencias dixitais nos cursos municipais

45

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu onte a clausura da segunda quenda de cursos do segundo módulo de alfabetización dixital no rural. Medio cento de veciños das parroquias de Tapia, Ameixenda, Augapesada, Covas e Ortoño formáronse grazas a esta iniciativa que se celebrou de outubro a decembro. Outros trinta formáranse anteriormente en Agrón, Trasmonte, Bugallido e Biduído. As actividades incluíron a adquisición de nocións básicas de Windows 10, ofimática en Word e Excel, Internet, a nube, o correo electrónico, as redes sociais e o uso de dispositivos móbiles.

Este programa arrincou en 2021 atendendo ás demandas veciñais, acadando unha gran participación. En 2022 púxose en marcha o segundo módulo que buscaba afondar nas competencias do primeiro. Ao acto de clausura asistiron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación, Natividade González, e a técnica encargada da Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación, Almudena Caamaño, que se encargaron de entregar os diplomas de participación aos case medio cento de participantes da segunda quenda.

De forma complementaria, o alumnado asistiu a unha charla sobre ciberseguridade impartida por Nacho Álvarez, diplomado en Investigación Privada e graduado en Criminoloxía pola Universidade de Salamanca.

A concelleira de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación, Natividade González, destacou que “xa estamos a traballar para crear outro grupo de iniciación e poder seguir fomentando a alfabetización dixital nos distintos locais sociais das parroquias”.