O Goberno local encabezado por Blas García compareceu o pasado día 12 de xaneiro na Casa da Cultura do Milladoiro ante os medios de comunicación para valorar os primeiros seis meses de mandato e dar conta das liñas de actuación que van marcar o ano 2024 e porán os cementos dos proxectos a desenvolver ao longo do mandato.
O alcalde de Ames puxo o foco sobre tres obras que serán capitais para o mandato 2023-2027: o novo Mercado Municipal (que xa conta co apoio da Deputación da Coruña con 700.000 euros); o complexo deportivo do Milladoiro, con piscina de competición e un moderno ximnasio que dará servizo tanto á veciñanza do Milladoiro como á da contorna; e, por último, o polígono empresaria de Bertamiráns, proxecto do que xa está informada a Xunta de Galicia e no que se está traballando. Xunto a este polígono tamén se está a estudar a forma de crear vivenda en parcelas municipais para deste modo dar resposta a demanda actual existente no concello.
Récord de investimento. Máis de 7 millóns de euros.
García tamén precisou que este pasado 2023 foi “un ano de récord en termos de investimento”, pois nunca dedicou unha cantidade maior a obras e servizos: un total de 7.190.000 euros. Nesta cantidade non están contemplados os contratos menores polo que, de engadirse sería sensiblemente maior.
As áreas de García. Cultura, Turismo, Axenda Urbana e Comunicación.
Concello referente na comarca en actividades culturais.
O rexedor, responsable de Cultura, Turismo, Axenda Urbana e Comunicación, comezou a súa intervención falando da extensa programación cultural deste primeiro semestre do ano, que inclúe doce espectáculos repartidos entre as casas de cultura de Bertamiráns e do Milladoiro con teatro e danza. Nesta liña, destacou o papel de Ames como “concello referente na comarca en actividades culturais”.
En canto a Bibliotecas, durante este ano levarase a cabo unha importante reorganización tanto do servizo como do espazo. En primeiro lugar, farase posible a incorporación dunha nova persoa para ampliar o servizo. Tamén se farán independentes as salas de estudo da biblioteca, para que calquera persoa poida entrar a calquera hora e día da semana cun código persoal, dando así un servizo 24 horas os sete días da semana co obxectivo de adaptarse aos ritmos de estudo e traballo de toda a poboación amesá.
Turismo. Por Ames pasan catro camiños de Santiago.
En canto a turismo, o departamento traballa en conxunto cos Concellos pertencentes á Asociación do Camiño de Fisterra-Muxía para desenvolver e dar visibilidade a esta ruta. Tamén se quere poñer en valor o feito de que Ames é o único concello polo que pasan catro camiños e promover o municipio como un destino ecoturístico. Para iso, estase a traballar nun vídeo promocional no que se van destacar os principais atractivos do concello.
Axenda Urbana. Planificar para obter novos fondos europeos.
Para comezar a planificar o Ames do futuro e poder optar a fondos europeos contar cun documento de Axenda Urbana é imprescindible polo que esta concellería convidou aos distintos grupos municipais a participar neste proceso creativo para que toda a veciñanza de Ames se vira representada neste documento.
Servizos Económicos, Deportes e Promoción da Saúde
A concelleira, Susana Señorís, informou do inminente remate dos orzamentos do 2024, que espera poder levar ao Pleno no mes de febreiro. A concelleira manifestou a vontade de que estas novas contas sexan froito do “consenso e o diálogo cos distintos grupos parlamentarios” e anunciou contactos con todos e cada un deles na maior brevidade posible. Señorís tamén informou da intención do Goberno de revisar taxas, prezos públicos e subvencións para axustalos a nova realidade do custo da vida.
En canto a área de deportes, un ano máis as escolas deportivas tiveron moi boa acollida por parte dos veciños e das veciñas de Ames. Aí o reflicten as cifras de inscrición das distintas actividades que se ofertan desde o concello, destacando as 1.685 persoas das Escolas Deportivas e 1.676 de Ponte en Forma, que suman un total de 3.300 persoas.
Pola súa banda, Promoción da Saúde está a traballar nun Plan de Saúde Mental Municipal que poña especial atención na poboación infantil, adolescente e nas persoas maiores segundo sinalou a concelleira. Esta iniciativa responde, segundo explicou a concalleira, “á prioridade que se lle dá desde o Concello á prevención, promoción e atención da saúde mental”. Este plan estratéxico dará unha resposta estruturada e transversal a un problema de saúde cada vez máis estendido, co obxectivo de proporcionar unha mellor calidade de vida a toda a poboación. Así mesmo, seguirán funcionando as diversas actividades impulsadas por esta área (Saúdeando, Marcha Nórdica, Mindfulness…).
Urbanismo, Administración Xeral e Mobilidade
O concelleiro Víctor Fernández expuxo que, durante o primeiro trimestre do ano, o Concello de Ames estará en disposición de demoler o inmoble situado no número 6 da rúa da Madalena para comezar así co proxecto de humanización do entorno da rúa Estivada de Castelao, Madalena e Camelias.
Promoción de vivenda
Por outra parte, xa comezaron as xestións coa Xunta de Galicia (actualmente paralizadas ata despois das eleccións autonómicas) para a promoción de vivenda protexida en solares de propiedade municipal e a construción dun novo polígono empresarial que responda a actual demanda de solo das empresas que queren asentarse no concello de Ames. A preguntas dos medios, Víctor Fernández precisou que se trataría de cinco bloques de 37 vivendas e un de 27 vivendas.
Fernández, consciente das necesidades de aparcamento nos dous principais núcleos urbanos do cocnello, tamén explicou que se produciron avances na negociación de propiedades que se destinarán á creación de novas prazas de aparcamento.
Promoción Económica, Emprendemento e Participación Veciñal
Dentro do ámbito de acción da súa concellería, Ana Belén Paz comezou destacando os bos resultados que veñen tendo os programas de formación e inserción laboral como o “Ames integra e emprega”, os obradoiros de emprego (RENOVA V) e o Inserames-Brión, programa no que se formou a aproximadamente un centenar de persoas e no que se superou o 50% de inserción laboral. Así mesmo, amosouse satisfeita cos últimos datos do paro do concello, os máis baixos rexistrados, e puxo en valor o traballo de técnicos e Corporacións pois “estos resultados son mérito de moita xente que leva traballando moito tempo”.
Grande impacto dos Bonos Consuma
A concelleira tamén destacou o gran impacto da campaña Bonos Consuma na economía amesá durante o Nadal pois, cun investimento de 61.000 euros, o Concello foi capaz de xerar un impacto de preto de 260.000 euros no comercio local.
Na actualidade a concellería está a traballar na preparación dunha nova edición da xornada “Innovames” o día 26 de xaneiro, un día no que diferentes empresas do concello relacionadas co mundo da innovación e da tecnoloxía se xuntarán para dar conta do que poden ofrecer e xerar sinerxias.
Outro proxecto destacado desta área é a praza de Abastos, que será clave para o futuro do comercio amesá. Este proxecto está na fase final de redacción e xa se está a buscar financiamento. Actualmente cóntase co apoio da Deputación da Coruña cun monto de 700.000 euros.
Obras e Servizos Básicos
Gustavo Nieto, concelleiro de Obras e Servizos Básicos destacou o récord de investimento da concellería durante o ano 2023: o pasado ano a contratación de obras e servizos bateu o récord de investimento nesta área con máis de 7 millóns de euros. Actualmente este departamento está centrado na posta en funcionamento da empresa pública Augas de Ames (EPEL), que entrará en funcionamento o vindeiro 1 de abril.
O edil adiantou as obras que entrarán na primeira parte do Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña neste 2024 (POS+2024) por valor de pouco menos dun millón de euros, e explicou que “as obras que se poidan acometer co plan complementario serán escollidas unha vez se coñeza a cantidade de fondos asignada”. As primeiras accións do POS+2024 serán a pavimentación e a elaboración da senda peonil de Coira, a pavimentación dos interiores de Casanova, o hormigonado dos interiores de Seares de Abaixo, a Pavimentación das rúas Poeta da Maía, Xesteira e Fieira, o arranxo da rúa Pardiñeiros e outras (inclúe Seidón) e a mellora da seguridade viaria de O Mercuto a Vilar.
Benestar Social, Igualdade e Voluntariado
Desde este departamento púxose de novo en funcionamento o programa Amessán (nesta ocasión un mes máis tarde, debido a necesidade de licitar o contrato) e organizáronse unhas xornadas o 25N cun programa máis amplo e variado que tivo unha gran acollida por parte da veciñanza. Tamén se fomentou a inclusión dos maiores en toda a programación de Nadal e se lle concederon axudas a aproximadamente 70 familias do concello de 1.200 euros por unidade familiar. Ademáis, tamén falou do programa de voluntariado e da boa acollida que están a ter as iniciativas impulsadas desde a Oficina de Voluntariado de Ames: “a participación nos eventos solidarios é sempre moi ampla, o que demostra que os veciños e veciñas de Ames son moi solidarios”.
Por outra banda, despois de meses traballo coas distintas administracións e entidades implicadas, a concelleira tamén anunciou que se entregarán un total de 68 vivendas, actualmente valeiras, a persoas que o requiran. Na actualidade, 28 destas vivendas xa están listas para ser entregadas.
Actualmente a concellería está a traballar na programación do 8M, na festa de Entroido dos maiores, na ampliación da franxa horaria do transporte adaptado e no inicio dunha campaña de captación de voluntariado, relacionada cun Plan Soidade Cero, adicado especialmente para persoas maiores que o Concello de Ames está a desenvolver.
Xestión do Medio Natural, Atención ao Rural, Transparencia e Patrimonio
O concelleiro, Javier Antelo, fixou os obxectivos prioritarios que ten este departamento para 2024: a creación da OTC de Ames (operativa a partir de marzo), a continuación do programa de plantación nos montes amesás e a delimitación das colonias felinas. Por outra banda, en cumprimento da nova lexislación, tamén se comezará a contar cun servizo de lacería.
No referente a área de Medio Ambiente, nestes seis meses chegouse a un acordo coa Xunta de Galicia para que esta se faga cargo da limpeza de 30 hectáreas de monte e 30 quilómetros de pistas de monte. Ademais, comezarase a multar a partir de xaneiro aos propietarios de parcelas de faixas secundarias de monte que ignoren de xeito reiterado os avisos de limpeza. Antelo destacou a boa acollida dos roteiros teatralizados que se levaron a cabo xunto as concellerías de Turismo e Promoción da Saúde e anunciou a inminente inauguración dunha horta urbana construída en Agro do Muíño.
O concelleiro tamén explicou as actuacións realizadas nos parques caninos de Bertamiráns e Milladoiro, que se irán complementado ano a ano, e informou da creación dun protocolo de actuación para animais abandonados ou perdidos.
Planificación e Xestión Educativa e Mocidade
Pola súa banda Carmen Porto, concelleira de educación, salientou a inversión feita nos distintos centros educativos (obras enmarcadas dentro do Plan Ames Progresa), por un valor de 63.000 euros. A edil explicou que de cara os próximos orzamentos ten prevista a licitación dun Plan de Mantemento para solventar as deficiencias nas que o Concello teña competencia, e así evitar situacións como as que atopou cando se fixo cargo da concellería.
En canto ao departamento de mocidade, Porto destacou a boa acollida de iniciativas como “Volta ao Cole”, “Galetiktokers”, o curso de Lingua de Signos, a “Xincana Xove” ou o obradoiro de son. Dende a concellería está previsto impulsar un clube xuvenil que promova o asociacionismo entre a xente moza e continuar facendo actividades como a saída á neve, os cursos de monitor de tempo libre, os reforzos educativos nos institutos ou os campamentos de verán. O obxectivo de todos estes proxectos é “seguir traballando para a mocidade, para ofrecerlles novas posibilidades e oportunidades”. O local de A Factoría foi obxecto de actuacións de mellora nos equipos do local, no mobiliario, na fachada e fíxose un investimento en instrumentos musicais para os usuarios. A cantidade adicada foi de 15.000 euros.
De cara ao futuro, estase a traballar xunto coa comunidade educativa na mellora do regulamento para garantir a calidade, sostibilidade e seguridade dos usuarios dos servizos de conciliación.
Por último, a concelleira apuntou que Ames seguirá apostando pola infancia e a adolescencia coa iniciativa Cidades Amigas da Infancia, promovida por UNICEF España xunto co Ministerio de Mocidade e Infancia e as provincias.
Orzamentos
Preguntado pola negociacón dos orzamentos de 2024, o alcalde, Blas García, adiantou que comezarana falar cos partidos con representación no Pleno a partir da semana que ven e que, a súa vontade é comezar “por afinidade” co BNG. “Os Orzamentos van ser coma os pasados, con unhas poucas modificacións para mellorar a atencións das veciñas e veciños”, dixo o rexedor de Ames. Por tanto, García afirma que “sería pouco entendible que agora voten en contra”. Afirmou a continuación que “isto non quita que falemos cos outros grupos, tanto co PP como con Espazo Común”.