Miñones reúnese cos concellos de arredor para consensuar estratexias sobre o transporte metropolitano

Teo foi o lugar escollido para acoller unha xuntanza sobre o transporte metropolitano no que participaron os concellos da “coroa” da área de Santiago.

515

Na reunión abordáronse problemáticas concretas como a necesidade de ampliar frecuencias e rutas, o cumprimento dos horarios das liñas ou a mellora da información dos horarios ao usuario

Teo foi o lugar escollido para acoller unha xuntanza sobre o transporte metropolitano no que participaron os concellos da “coroa” da área de Santiago. A instancias da concelleira de mobilidade de Teo, Conchi García, mantívose un encontro ao que asistiron o alcalde de Ames, Jose Miñones, o de Brión, José Luis García, o rexedor de Oroso, Manuel Mirás e o concelleiro de mobilidade de Santiago, Jorge Duarte.

Deste xeito na reunión abordáronse problemáticas concretas como a necesidade de ampliar frecuencias e rutas, o cumprimento dos horarios das liñas ou a mellora da información dos horarios ao usuario e outros aspectos como a necesidade dun plan de mobilidade para estes concellos que se terán que explorar a medio prazo.

Ademais disto cada Concello ten as súas particularidades. Conchi García, a concelleira de Teo contempla “a importancia de deseñar unha liña circular que pase por Teo, Santiago e Ames e que poida beneficiar a unha poboación estimada superior ás 30.000 persoas”. “O noso interese é trasladar esta e outras propostas á Xunta para o que seguiremos falando en vindeiras xuntanzas”.

Miñones destaca a “preocupación constante sobre como se vai desenvolver este tema ata o 2019. Temos que xuntarnos cos concellos de arredores de Santiago para poñer en común todas as demandas e a creación de líñas necesarias para poñelas nun documento conxunto para entregala na consellería e se nos tome en conta”.