A Casa do Concello de Bertamiráns e as oficinas municipais do Milladoiro acolleron esta mañá senllas concentracións organizadas polo Concello para amosar a repulsa de Ames e a súa cidadanía ante o último asasinato machista acontecido en Galicia, que tivo lugar o domingo 5 de febreiro en Baiona (Pontevedra). Trátase do primeiro caso deste tipo en Galicia neste ano e o oitavo en España.
Dende o Concello lembran que en Ames existe un Centro de Información á Muller -CIM- que pon á disposición das mulleres que o precisen información sobre maltrato, asesoramento xurídico e acompañamento psicosocial. Poden contactar nos departamentos de Servizos Sociais ou chamar aos números de teléfono de atención dos Servizos Sociais de Bertamiráns, 981 890 964, e dos Servizos Sociais do Milladoiro, 981 535 941, ou directamente ao teléfono do CIM, 662371392. Tamén poden recibir atención no 016, o Teléfono da Muller.
A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, destaca a importancia “de realizar un traballo conxunto dende todos os ámbitos na educación en valores, na prevención e na sensibilización. Só a educación e con cambios radicais na nosa sociedade, estaremos en disposición de dar pasos reais para avanzar cara a igualdade real entre homes e mulleres”.