‘Mitos e lendas da vella Grecia’, de Anisia Miranda, pecha os encontros literarios de Ames deste curso

104

As bibliotecas municipais organizan para o xoves 8 de xuño un novo encontro literario. Nesta ocasión centrarase no libro “Mitos e lendas da vella Grecia”, de Anisia Miranda, publicado en 1966 e reeditado agora pola editorial Galaxia. Sobre a obra e a autora falarán ás 20:30 horas no Pazo da Peregrina de Bertamiráns Fernando Redondo Neira, xornalista, docente e presidente da Fundación Xosé Neira Vilas; e Xosé Antonio López Silva, crítico, autor e experto en cultura clásica.

Cartaz do Encontro literario do xoves 8

“Mitos e lendas da vella Grecia” contou cunha primeira edición en castelán (Cuba, 1966), e foi traducida ao galego por Xosé Neira Vilas no 1983. Anisia Miranda ofrece, a través da obra, unha selección dos principais deuses e heroes do Olimpo, de antigas crenzas e lendas que conforman a base da cultura e da mitoloxía da Hélade, alicerce da occidental, coa pretensión de achegala á xente nova nos seus aspectos máis fundamentais. Todo dun xeito ameno, didáctico e fluído.

Anisia Miranda (Ciego de Ávila, 1932 – Vila de Cruces, 2009) foi unha escritora cubano-española en lingua española e galega. Miranda, filla de emigrantes galegos, estudou Maxisterio e Xornalismo, e conta cunha extensa bibliografía ás súas costas, entre a que se inclúen obras para adultos e para a infancia e a xuventude. No ano 1957 fundou, xunto con Neira Vilas, a editorial e distribuidora de libros Follas Novas.