Música, baile e concursos de disfraces para celebrar o Entroido de Ames

63

O Concello de Ames organizou un amplo abano de actividades para festexar o Entroido de 2024. Ao longo da pasada fin de semana celebrouse o festival da EMMA, a festa de Entroido do programa Amessan e unha festa de Entroido na que houbo exhibicións de baile a cargo do Club deportivo de baile Danzaya. Tamén actuaron os coros do programa Amessan: Elelas e Voces da Maía; e maila charanga tributo Carlinhos Brown.

Hoxe, 12 de febreiro, celebrouse a festa concurso de disfraces infantil. A programación pecharase o domingo 25 de febreiro co concurso e desfile que se fará no Milladoiro. Estaba previsto para o pasado domingo, 11 de febreiro, pero cambiouse de data debido á previsión meteorolóxica.

Ademais, mañá martes 13 de febreiro realízase, por segundo ano consecutivo, un cocido para as persoas maiores do concello. Trátase dun xantar que se celebrará a partir das 14.00 horas no pavillón do Milladoiro. No xantar servirase cocido para as persoas maiores de 65 anos empadroadas en Ames. Hai inscritas arredor de 800 persoas, que poderán acudir, se así o desexan, disfrazadas.