O Concello de Ames retomou as visitas escolares despois de dous anos. Nesta ocasión tocoulles aos alumnos de 3º de primaria do CEIP A Maía. O alumnado visitou a Casa do Concello cargado de preguntas e suxestións, despois de estudar nas últimas semanas como funciona a administración local.
No salón de plenos, as nenas e nenos estiveron acompañadas polo alcalde, Blas García, quen atendeu ás súas preguntas, xunto co concelleiro de Educación, David Santomil, a edil de Economía, Genma Otero, e o de Urbanismo e Administración Xeral, Víctor Fernández. Tamén estiveron os responsables de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e Deportes, Susana Señorís.
Entre as dúbidas que formularon as nenas e nenos estaban o custe dun parque público, canto tempo leva no cargo o alcalde ou se plantarán máis árbores no seu cole. Tamén se interesaron polos impostos, e tiveron incluso a oportunidade de tocar o bastón de mando.