Noites en Vela á Ponte Maceira. O sábado, 23 Maianas e grupo Caldo

243

Os Concellos de Ames e Negreira únense un ano máis para organizar unha nova edición do programa Noites en Vela, que terá lugar este sábado, 23 de xullo, a partir das 21.00 horas. Este ano refórzase o programa coa actuación de dous grupos. Ás 21.00 horas actuará o grupo amesá As Maianas e ás 22.00 horas será a quenda do grupo vigués Caldo. O escenario será A Ponte Maceira, que vén de ser declarada ben de interese cultural (BIC). Ao remate dos concertos haberá fogos de artificio. Neste programa colabora a Xunta de Galicia a través do programa Cultura no Camiño.

A concelleira de Cultura, Natividade González, explica que “despois de dous anos sen poder organizar As Noites en Vela, nesta edición de 2022 decidimos darlle un pulo a esta iniciativa coa actuación de dous grupos como son As Maianas e Caldo. As Noites en Vela son un programa xa consolidado que sempre é garantía de éxito. Trátase de poñer en valor un lugar de gran valor paisaxístico e patrimonial como é A Ponte Maceira, que acaba de ser declarada ben de interese cultural e forma parte da rede de pobos máis bonitos de España”.