“Non hai moita xente coma Xela Arias”

459

A figura de Xela Arias centrará o espectáculo de narración oral ‘Arredor de Xela’, que mañá 25 de maio acolle a Casa da Cultura de Bertamiráns. A contacontos Raquel Queizás rescatará a historia dunha moza dos anos 80 do século pasado, que, ao ritmo do rock, abría novos camiños, a través da súa poesía, na nosa literatura. Unha rapaza que amaba a súa lingua e que defendeu a completa liberdade dende as letras.

A actividade está dirixida a un público familiar con nenos e nenas maiores de 5 anos. Os convites, que son de balde, pódense adquirir na Billeteira electrónica do Concello de Ames.  Falamos con Raquel Queizás sobre o espectáculo e a homenaxeada.


En que consiste o espectáculo ‘Arredor de Xela’?
É unha homenaxe á vida e obra de Xela para que todas as nenas, nenos e familias que veñan a vexan medrar. Percorro a etapa de Vigo, desde a súa chegada á fin da súa vida. É un xeito de comunicar ás nenas e nenos o que marca a infancia dunha persoa. Ela xa estaba dende pequena en contacto con escritoras e escritores, escribindo… Axudoume moito a documentarme seu irmán pequeno, a quen agradezo a súa axuda.

É xa que logo unha obra feita desde a proximidade, desde o coñecemento.
Efectivamente.

Que pode achegar a figura de Xela ás novas xeracións?
Para os máis pequenos, é salientable o espilida que era. Conto ou represento o conto con que gañou aos once anos un premio literario. Penso que a obra provoca, e xa o teño visto en varias funcións escolares -hoxe veño dun cole de Alfoz-, que a rapazada escriba e debuxa. O seu conto A fraga dos paxaros faladores e a fraga leopardicia é un relato de fantasía e de ciencia ficción, unha loucura moi divertida, que leva aos nenos a ver que se pode gañar un premio tan novos. Que non se rendan no futuro coa escrita.

Transmiten daquela a imaxe dunha persoa que dende moi nova viu a súa imaxinación recoñecida?
Si, pero vémola tamén medrar e vemos o que acaba facendo. Segue a publicar libros, a comprometerse con todo o que ten arredor: a política, e ecoloxía… Conto aos pequechos o que foi o momento que ela viviu, que a eles lles parecerá moi afastado, pero aos pais e nais cousas como o Nunca Máis quédanlles preto. E é unha figura moi moderna para as nenas e nenos. A miña filla cando viu a imaxe de Xela Arias coa chupa de coiro dixo que xa podían ser así todas as persoas recoñecidas polo Día das Letras.

Rompe co esquema mental que temos do Día das Letras, sempre dedicado a figuras que semellan máis sobrias ou serias.
Si, e a maioría homes. Levamos cinco mulleres en sesenta anos de Letras Galegas. É importante amosar esta imaxe dunha muller así, e nova, cando aínda a muller ten que facerse oco en moitos ámbitos. Eu conto de todo na obra, ata cando deixou o instituto porque quería gañar cartos para montar unha moto. É sorprendente coñecer a súa vida. Como foi, dende moi nova, guiándose por si mesma.

De onde che veu o interese por rescatar a figura e con este formato?
En xeral, traballo sempre arredor das Letras Galegas. Eu descoñecía a Xela Arias, coñecía mellor a María Victoria Moreno. Cando comecei a pescudar nela, quedei namorada, fascinada. Tanto pola súa poesía como por todo o que fixo polo galego, como traducir os clásicos literarios. Iso tamén llelo conto aos pequechos: que é unha editora, que traballo facía, e como moitos clásicos foron traducidos ao galego por ela. Falo da Colección Xabarín. O traballo dunha rapaza que tería 22 anos. A min isto non mo contaron nin na facultade nin no instituto, e haille que dar o lugar que merece. Que quede como exemplo máis alá deste ano.

Incluso era difícil atopar as súas obras non hai tanto.
Eu teño algunha de hai moito tempo. Ela ía ao seu aire, en contra do canon establecido no momento. Eu creo que ela tivo moita influencia, é como unha madriña de todos eses rapaces do Xabarín Club e de todos aqueles que puidemos ler todos os libros clásicos en galego grazas a ela. Tamén falo da súa faceta como compositora de letras do grupo de rock ‘Os desertores’ de Vigo, musicándoo. Ela era unha vangardista: misturaba poesía con pintura, con música, con fotografía… Non había moitas nin moitos como Xela Arias. Ela ten moitas admiradoras entre as poetas novas, que veñen da súa raíz.

Parece adecuado homenaxear unha figura con tantos matices cun espectáculo tan novidoso.
Si. Mesturo de todo: contacontos, obxectos… Utilízoos como monicreques: o paraugas fai de paxaro, unha tea fai de leopardo… Así represento o seu conto. E tamén emprego moito o que había na época: teléfonos con dial, radio de cassette. Levo os 80 á rapazada, que ás veces hai quen comenta que na súa casa hai un teléfono deses e que aínda funciona. E fago un obradoiro improvisado. Hai un momento, cronoloxicamente coincidente coa súa maternidade e traballo de profesora. Supoño que co seu fillo durmindo ela comeza a escribir poesía, a crear palabras… E eu propóñolle ao público crear palabras novas: transformarmos substantivos en verbos, etc. É unha parte moi participativa por parte do público. E tamén sacamos trazos para ver se son machistas, etc. Achegámonos a unha realidade que non difire tanto da nosa. E acabo co do Prestige, porque me parece que foi un antes e un despois. Ela morreu moi pouco despois diso. Conto como ela compuxo poemas, como achegou o que lle foi posible. A poesía pode ser combativa, ser unha arma para mudar as cousas e, como ela dicía, mellorar o mundo.