Nova edición da Festa do Apego

0
34

A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello vén de anunciar a segunda edición da Festa do Apego de Ames para o sábado 19 de xuño. As actividades, que se desenvolverán no Pazo da Peregrina, inclúen teatro infantil, contos, concertos, xogos e moitas actividades máis. Ademais, as librarías do concello ofrecerán un 10% de desconto en materiais infantís en galego durante toda a xornada.

A festa comezará ás 11.00 horas co espectáculo “Derriba da lúa”, de Vero Rilo e Sonsoles Penadique. Nel combínase narración oral con música para arrolar, cantar, xogar e medrar dende os primeiros meses. Esta actividade está dirixida a nenos e nenas de 0 a 3 anos.

Ás 12.00 horas chegan “As Armadanzas”, dirixidas a un público familiar. Montse Rivera e Mercedes Prieto traerán a Bertamiráns baile, música, animación e contos para mover o corpo e a imaxinación sen saír do asento.
A mañá continúa con contos para as crianzas de tres anos ou máis da man de Vero Rilo, que ás 13.00 horas nos ofrecerá “Outra vez!”, unha selección de pequenas alegrías, unha escolma de contos de aquí e de alá para contar sen parar.

Actividades pola tarde
Pablo Díaz e Olga Kirk abren a sesión da tarde ás 17.00 horas co seu espectáculo “Canta música”, un obradoiro concerto dirixido a un público familiar que mestura música tradicional coas cancións máis modernas dos discos de Pablo Díaz.

Ás 18.30 horas chegará o Baúl da tía Tola coa función teatral “Estrazalonia”, dirixida a nenos e nenas de 1 a 6 anos, e que pretende estimular os sentidos a través das emocións, das sensacións, da sorpresa e da ilusión.

A II Festa do Apego rematará ás 20.00 horas coa actuación de Uxía Lambona e a Banda Molona, orientada a un público familiar. Esta banda reinterpreta clásicos populares galegos cun toque particular, desde A Carolina “rapeada” ata O Jato “rockeiro”, ademais doutros temas propios, con diferentes estilos como o ska, o reggae, o klezmer, a cumbia ou o tango.

Actividades permanentes
Ao longo de todo o día haberá tres actividades que estarán de xeito permanente, en horario de 11.00 a 20.00 horas, no Pazo da Peregrina e para as que non se precisa inscrición. Unha delas será o Espazo do Apego, con información sobre o programa Apego e os recursos que pon a dispor das familias. Outra actividade permanente será o Espazo de Recursos, no que haberá unha ampla mostra de materiais para facilitar a crianza en galego (contos, música, xogos…) e no que se ofrecerá asesoramento ás familias interesadas. Como novidade, este ano tamén estará dispoñible o Espazo de Xogos, que pon a disposición das persoas asistentes xogos de mesa en galego para todas as idades deseñados e creados por Brazolinda.

Inscrición nas actividades
O prazo de inscrición para participar nas diferentes actividades que se organizan estará aberto do mércores 9 de xuño ata o mércores 16 de xuño. Deberase enviar un email ao correo normalizacion@concellodeames.gal indicando a actividade á que se quere asistir, nome e apelidos das persoas solicitantes, idade das crianzas e teléfono de contacto.

DEJA UNA RESPUESTA

Please enter your comment!
Please enter your name here