Nova edición da Semana Europea da Mobilidade

325

A Concellaría de Mobilidade organizou unha programación específica para conmemorar a III Semana Europea da Mobilidade entre o 16 e o 22 de setembro. O lema da presente edición é “Pola túa saúde, móvete de forma sostible”. O programa comeza cunha Marcha ciclista nocturna. Ademais haberá actividades e xogos populares en bici, unha andaina pola senda O Milladoiro – Bertamiráns e talleres de iniciación á bicicleta. A campaña remata con catro sesións da charla “Querémoste seguro/a” dirixida ás persoas maiores. Para participar nestas actividades é necesario inscribirse previamente.

A iniciativa presentouse esta mañá no Salón de Plenos do Concello. Ao acto acudiron a concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez; o concelleiro de Transición Ecolóxica, Manuel Lens; a concelleira de Benestar Social e Promoción da Saúde, Luisa Feijóo; o concelleiro de Administración Xeral, Victor M. Fernández e o inspector xefe da Policía Local de Ames, Jose Antonio Rodríguez.

A concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, presentou a programación desta terceira edición da Semana Europea da Mobilidade destacando a que xa é a pedra angular da programación “retomamos a Marcha ciclista nocturna, a actividade máis emblemática da programación ano tras ano. Esta actividade está pensada para o desfrute de toda a familia e para fomentar o uso da bicicleta no termo municipal.” A concelleira engadiu “quero darlle as grazas á Concellaría de Transición Ecolóxica, de Promoción da Saúde e de Seguridade Cidadá por colaborar con estas actividades e, por suposto, á Policía Local e a Protección Civil pois sen eles actividades como a Marcha nocturna non serían posibles”.

A marcha nocturna celebrarase o venres 17 de setembro en Bertamiráns. Sairá ás 22:00 horas da Praza do Concello. Serán 8 km con boa iluminación e un traxecto sinxelo pensado para que poida participar toda a familia. Para participar é imprescindible levar chaleco reflectante, casco e luz.  Para previr aglomeracións no punto de saída e chegada, debido á pandemia da Covid-19, establecéronse tres zonas de espera na praza do Concello, que estarán diferenciadas en tres cores: azul, amarelo e verde. Ás persoas inscritas asignaráselle unha cor que corresponderá coa zona de espera á que teñen que acceder mentres agardan a saída.

Segundo o inspector xefe da Policía Local, Jose Antonio Rodríguez, a marcha vai estar encabezada e pechada por dous axentes en bicicleta e por un coche patrulla “buscamos deste xeito reducir a velocidade da marcha pois está concibida coma un paseo e non coma unha carreira” e engadiu “este tipo de actividades están pensadas para animar á veciñanza a circular en bicicleta”.

Para participar é necesario inscribirse previamente enviando un correo electrónico ao enderezo mobilidade@concellodeames.galindicando o nome e un teléfono de contacto.

Escola da bici
A gran novidade desta III Semana Europea da Mobilidade é a Escola de Bici. Un taller de iniciación pensado para que as mulleres maiores de 55 aprendan a andar en bicicleta. A actividade vaise desenvolver os días 16, 17 e 18 de setembro no aparcamento de Agriños no Milladoiro. As mulleres participantes poderán escoller entre dous horarios: de 16:00 a 18:00 horas e de 18:00 a 20:00 horas. A actividade conta cun total de 10 prazas repartidas en dous grupos de 5 persoas. Para participar nesta actividade é necesario inscribirse previamente enviando un correo electrónico ao enderezo promociondasaude@concellodeames.gal

Segundo a Concelleira de Promoción da Saúde, Luísa Feijóo, este curso vai permitir que persoas que nunca montaron en bici aprendan a facelo en só 6 horas “este curso está dirixido a todo o mundo pero especialmente ás mulleres maiores de 55 anos pois segundo un estudo é nesta franxa de idade onde atopamos máis persoas que non saben usar a bicicleta” E engadiu “esta é unha oportunidade estupenda para que aprendan a andar en bici, algo que as vai empoderar e, sobre todo, gañarán liberdade e autonomía.”

Actividades e xogos populares en bici
A programación continúa o sábado, 18 de setembro, con actividades e xogos populares en bicicleta no aparcamento do Agriño, no Milladoiro, a partir das 17:00 horas e ata as 20:00 horas. Estas actividades están dirixidas a nenos e nenas de 4 aos 12 anos. Cada neno e nena que participe deberá levar a súa propia bicicleta, casco e máscara. Para participar nesta actividade é necesario inscribirse previamente enviando un correo electrónico ao enderezo mobilidade@concellodeames.gal indicando nome, idade e un teléfono de contacto.

Andaina pola senda O Milladoiro – Bertamiráns
O domingo 19 de setembro, desenvolverase unha andaina saudable pola senda verde que conecta as localidades de Bertamiráns e do Milladoiro. A saída será ás 10:00 horas da Igrexa san Xosé do Milladoiro. Haberá un servizo de autobús que sairá 9.30 de Bertamiráns cara o Milladoiro, do mesmo xeito o servizo voltará ao Milladoiro ao remate da actividade. A andaina son 12 quilómetros de dificultade baixa. A actividade está limitada a 50 prazas. Para participar é necesario inscribirse previamente enviando un correo electrónico ao enderezo promociondasaude@concellodeames.gal

O concelleiro de Transición Ecolóxica, Manuel Lens, destacou “ este é o terceiro ano que se organiza esta Andaina saudable que une as localidades do Milladoiro e Bertamiráns, esperemos que teña o mesmo éxito ca as edicións anteriores”.

Charlas para os maiores
A campaña remata coa charla “Querémoste seguro/a”. Esta charla está dirixida ás persoas maiores e tratará a seguridade viaria e as inquedanzas destes sobre a mobilidade no concello tanto dende o punto de vista dos condutores coma dos peóns. As charlas serán impartidas polos Coordinadores provinciais de Educación Viaria da Coruña.

Estas xuntanzas van percorrer o concello con catro sesións. O martes 21 terá lugar a primeira sesión no Local Social da Ameixenda entre as 17:00 horas e as 18:00 horas. Seguidamente, entre as 18:30 horas e as 19:30 horas haberá unha segunda sesión no  Local Social de Trasmonte.

O mércores 22 as charlas desprázanse ata o Local Social de Bugallido onde os nosos maiores se van achegar á campaña “Querémoste seguro” entre as 17:00 e as 18:00 horas. Será na Casa dos Maiores entre as 18:30 horas e as 19:30 cando se realice a cuarta e última sesión. Para participar non é necesaria inscrición previa, a entrada será libre ata completar aforo.

A concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, rematou animando a toda a veciñanza a participar e desfrutar coas distintas actividades pois o prazo de inscrición está aberto dende hoxe mesmo.