Nova exposición na Casa de Cultura do Milladoiro

337

Trátase dunha mostra fotográfica que comezou a súa andaina por concellos e entidades do país en setembro de 2016

Ao longo de setembro, a Casa da Cultura do Milladoiro acollerá a exposición fotográfica“Lembranzas”. Organizada pola Asociación Galega para a Axuda dos Enfermos de Alzheimer (AGADEA), conta coa colaboración do Concello de Ames, o fotografo Manuel Rey e Jina Estrada Photo. A mostra pretende achegar á sociedade o día a día das persoas que sofren esta enfermidade e sensibilizar sobre a importancia contra a súa loita, que pode afectar en Galicia a unhas 100.000 persoas.

A mostra foi organizada por AGADEA, co gallo do Día Mundial do Alzheimer. Trátase dunha mostra fotográfica que comezou a súa andaina por concellos e entidades do país en setembro de 2016. Desde aquela, xa se expuxo, entre outros lugares, no centro comercial de Área Central en Santiago, no Edificio do Novo Mercado na Estrada, no centro sociocultural Lustres Rivas de Riveira e na Casa da Cultura de Bertamiráns.

A exposición, que conta con 33 fotografías e un panel informativo, permanecerá na Casa da Cultura do Milladoiro ata o vindeiro 30 de setembro

Algunhas das fotografías expostas pertencen ás usuarias e usuarios do servizo de estimulación terapéutica de Santiago de Compostela, A Estrada e Riveira. Outras, pola contra, foron realizadas por fotógrafos profesionais, como Manuel Paz que fixo as de Riveira, e Jina Estrada Photo, que realizou as de Santiago e A Estrada. A exposición, que conta con 33 fotografías e un panel informativo, permanecerá na Casa da Cultura do Milladoiro ata o vindeiro 30 de setembro.

AGADEA é unha asociación sen ánimo de lucro, constituída en 1994 por un grupo de familiares de enfermos de alzheimer para buscar xuntos respostas, compromisos, apoios e recursos necesarios para coidar mellor, e con menos dificultade, aos seus enfermos. As actividades desta asociación organízanse para dar solución ás cuestións xa mencionadas, particularmente, reafirmando e mellorando a xestión de servizos, tanto de asesoramento aos familiares como de asistencia aos propios enfermo. De igual maneira, coa organización de actividades, AGADEA tamén buscar achegar á poboación un maior coñecemento sobre esta enfermidade.