Novas actividades do AmesOn para os días 28, 29 e 30 de agosto

200

Durante esta fin de semana haberá novas actividade do programa AmesON. Deste xeito, haberá actuacións musicais no Milladoiro e Bertamiráns do dúo Eva e Camilo, así como de Zeus RB e Diego Barbazán; un espectáculo denominado “Fase festa”, a cargo de Pepe Suevos, Fátima Pego e Josep Ruíz; e maila proxección do filme A Esmorga. O resto de actividades previstas para esta fin de semana quedan aprazadas debido á previsión de choiva. Cómpre salientar que o espectáculo “Fase Festa” e mailo concerto en acústico de Zeus RB+ e Diego Barbazán, previstos inicialmente para as 22.00 horas, realizáranse ás 20.00 horas. O resto de actividades desenvolveranse no horario previsto.

A veciñanza amesá prepárase para unha nova fin de semana de música e actividades lúdicas na rúa. Todas enmárcanse dentro do programa AmesON, co que o Concello de Ames trata de dinamizar a cultura e maila economía local durante os meses de verán.

Deste xeito, este venres, 28 de agosto, na praza da Madalena, no Milladoiro, o actor, guionista, humorista e veciño de Ames, Pepo Suevos; a cantante Fátima Pego; e o músico Josep Ruíz, compoñentes da orquestra “Panorama”, soben xuntos ao escenario para amosarrnos o espectáculo “Fase Festa”, unha especie de verbena en pequeno formato, adaptada aos tempos que nos toca vivir. O evento é de balde ata completar aforo.

Proxección do filme A Esmorga

Ademais, o sábado 29, ás 22.00 horas, o Pazo da Peregrina acollerá unha nova sesión do ciclo xuvenil de cine coa proxección do filme “A Esmorga”. En caso de choiva a proxección de dita película farase no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. A proxección é de balde ata completar aforo e realízase baixo todas as medidas de seguridade que ditamina a loita contra a Covid-19. 

A película “A Esmorga”, dirixida por Ignacio Vilar e baseada na obra de Eduardo Blanco Amor, é a crónica tensa e intensa de 24 horas na vida de tres compañeiros de xolda que van deixando un regueiro de destrución. A película está protagonizada por Miguel de Lira, Antonio Durán Morris e Karra Lejalde. No elenco conta cun gran número de actores e actrices galegas entre os que se atopa o veciño de Ames, Pepo Suevos. Con tan só, 18 copias, “A Esmorga” , foi a segunda película con maior recadación media por copia en toda España na fin de semana da súa estrea.

Actuacións musicais no Milladoiro e Bertamiráns

O domingo, 30 de agosto, haberá dúas novas actuacións musicais. As dúas serán ás 20.00 horas. Deste xeito, a praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, acollerá un concerto do dúo Eva e Camilo. Os veciños de Ames, Eva e Camilo, levan anos animando festas e celebracións. Habituais nas festas de maiores en Ames, interpretan un repertorio composto por baladas, pasodobres e todo tipo de ritmos latinos. O concerto é de balde ata completar aforo.

Por outra banda, a praza do Concello, en Bertamiráns, acollerá o concerto en acústico de Zeus RB+ e Diego Barbazán. Hai tempo que Diego e Zeus actúan xuntos. Coñécense desde que tocaran xuntos na orquestra New York. Na actualidade Diego é cantante e guitarra da mesma orquestra e participa na “Liga dos cantantes” da TVG. Zeus forma parte do elenco da orquestra Fania Blanco Show. Este concerto tamén é de balde ata completar aforo.