Nove campamentos e campus deportivos para o verán en Ames

184

Neste verán Ames acollerá un total de nove campus e campamentos deportivos organizados entre entidades locais, clubs e o Concello. Incluirán actividades como o fútbol, fútbol sala, patinaxe, baloncesto ou atletismo. Están enfocados para rapazas e rapaces de 4 a 17 anos e ofrecen ás familias unha posibilidade de conciliación.

Durante a presentación de hoxe, a concelleira de Deportes en funcións, Susana Señorís, agradeceu aos clubs as distintas iniciativas e sinalou que “estes campus non só son para practicar deporte, senón para poñer en valor a amizade, o compañeirismo e continuar coas rutinas que se levan a cabo durante todo o curso”.

Pola súa banda, o alcalde de Ames en funcións, Blas García, explicou que “estes campus, ademais de fomentar o compañeirismo e unha práctica tan saudable como é o deporte, tamén serven para conciliar”.

Rematou a rolda de intervencións o técnico do departamento de Deportes, Alberto Viaño, agradecendo aos representantes dos clubs e das escolas “o traballo que levades facendo estes anos”. “Nós dende o Concello intentamos cubrir as vosas necesidades”, engadiu.

Campamentos de fútbol e fútbol sala
O fútbol reina nos campamentos de verán. Haberá tres campus de fútbol campo e un de fútbol sala durante o mes de xullo, con opcións para rapaces e rapazas de entre 4 e 16 anos. O primeiro deles será o Campus de fútbol Milladoiro SD, do 3 ao 28 de xullo, de luns a venres, e en horario de 9:00 a 14:00 horas. Orientado a crianzas de entre 4 e 16 anos, terá lugar no campo de fútbol municipal do Milladoiro. Para máis información e para inscribirse, pódese acceder á paxina web do Milladoiro SD.

Por outra banda, do 3 ao 7 e do 10 ao 14 de xullo desenvolverase o XI Campus de fútbol Bertamiráns FC (das 9:00 ás 14:30 horas). Neste caso, será para nenos e nenas de entre 4 e 14 anos, e levarase a cabo no campo de fútbol municipal de Bertamiráns. Para obter máis información e inscribirse pódese entrar na páxina web do club Bertamiráns FC.

Así mesmo, o RC Deportivo da Coruña organiza o seu campus de verán do 17 ao 21 de xullo, para nenos e nenas entre os 6 e os 14 anos. Desenvolverase no campo de fútbol municipal de Bertamiráns, de 10:00 a 14:00 horas. Pódese obter máis información ou inscribirse escribindo ao enderezo electrónico deporcampus@rcdeportivo.es ou a través da web do RC Deportivo.

Por outra parte, volve un ano máis o Campus de Verán Santi Valladares, do FC Meigas e das EFS Trasgos. Desenvolverase en horario de 9:00 a 14:30 horas; do día 3 ao 14 de xullo. Está orientado á rapazada de entre 4 e 14 anos, e desenvolverase no pavillón deportivo de Bertamiráns. Pódese obter información e realizar a inscrición a través da páxina web do FC Meigas.

Campamentos de patinaxe
Ademais, os dous clubs de patinaxe de Ames manteñen un ano máis a súa oferta para os meses de verán. O campamento de verán de patinaxe do CPA Omega, dirixido a rapazada de entre 4 e 16 anos, arrincará o 3 de xullo, e desenvolverase ata o día 31 do mesmo mes. Será de 8:30 a 14:30 horas. Terá lugar na pista cuberta do IES e no pavillón do Milladoiro. Para máis información e inscricións pódese escribir a info@cpaomega.es.

Pola súa banda, o Campamento de verán Patinaxe Sarela desenvolverase en dúas quendas: do 17 ao 31 de xullo e do 1 ao 15 de agosto, sempre de 8:15 a 14:30 horas. Desenvolverase no polideportivo municipal de Bertamiráns, para nenos e nenas de entre 5 e 17 anos. Pódese obter máis información e realizar a inscrición a través do enderezo electrónico clubdepatinaxesarela@hotmail.com.

Campus de atletismo
O atletismo tamén aparecerá por partida dobre no verán amesán. O Campus de atletismo Ames Atletismo ofrece unha opción para a rapazada nada entre o 2009 e o 2017. Ofertaranse tamén dúas quendas. A primeira delas abarca os días 22, 23, 26, 27, 28, 29 e 30 de xuño; e a segunda, os días 1, 4, 5, 6, 7 e 8 de setembro. O horario será de 8:30 a 14:30 horas. Desenvolverase na área deportiva de Bertamiráns. Para máis información e inscricións pódese escribir ao enderezo amesatletismo@gmail.com.

Doutra banda, no oferta de campamentos de verán estará presente tamén o VIII Campus de Atletismo Millaraio, que ocupará en dúas quendas a área deportiva do Milladoiro. A primeira destas quendas abarca os días 22, 23, 26, 27, 28, 29 e 30 de xuño; e a segunda, os días 1, 4, 5, 6, 7 e 8 de setembro. O horario será de 8:30 a 14:30 horas. Diríxese á rapazada nada entre os anos 2010 e 2016. Pódese obter máis información ou realizar a inscrición pódese acceder á páxina web do Atletismo Millaraio.

Campus de baloncesto
Por último, a oferta de campamentos deportivos inclúe o VI Campus de verán Basquet Ames, que achegará o baloncesto aos nenos e nenas dos 6 aos 15 anos. Tamén se ofertarán dúas quendas: do 22 ao 30 de xuño e do 3 ao 7 de xullo (das 8:30 ás 17:00 horas). O campus desenvolverase no pavillón deportivo municipal do Milladoiro. Para máis información e inscricións pódese consultar a web do Basquet Ames.