Novembro para os máis pequenos nas bibliotecas de Ames

325

Os primeiros prazos de inscrición das actividades da animación á lectura para a rapazada xa están abertos nas bibliotecas de Ames, que acollen dúas propostas durante este mes de novembro: “Coma gatos e ratos”, unha sesión de contacontos pensada para nenas e nenos dos 3 aos 8 anos, e “Excelentes mulleres científicas”, un obradoiro co gallo do Mes da Ciencia en Galego para a rapazada dende 3º ata 6º de primaria. Ambas actividades repetiranse nas bibliotecas do Milladoiro e de Bertamiráns, cos seus respectivos horarios.

Para reservar praza nestas sesións de animación á lectura, de aforo limitado, cómpre poñerse en contacto co Departamento de Bibliotecas de Ames, a través do enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal. Por outra banda, pódese solicitar a inscrición falando directamente coa biblioteca á que se desexe asistir: para a biblioteca do Milladoiro, consultando no 981 53 08 07, mentres que para a de Bertamiráns, chamando ao 981 88 48 29.

Coma gatos e ratos

“Coma gatos e ratos” é un contacontos pensado para a rapazada dende os 3 aos 8 anos, que contará con tres paradas en cada unha das dúas bibliotecas do concello: Estará no Milladoiro os días 2, 3 e 4 de novembro e en Bertamiráns, os días 16, 17 e 18, a partir das 17:30 horas.

O prazo de inscrición xa está aberto para as sesións na biblioteca do Milladoiro, dende este luns 25 ata o 30 de outubro, chamando ao 981 53 08 07 ou enviando un correo ao enderezo bibliotecas@concellodeames.gal. O prazo para o centro de Bertamiráns abrirá do 8 ao 13 de novembro; contactarase ao mesmo enderezo ou ao número 981 88 48 29.

Excelentes mulleres científicas

Aproveitando a celebración do Mes da Ciencia en Galego, as bibliotecas de Ames programan o obradoiro “Excelentes mulleres científicas”, para nenos e nenas dende 3º a 6º de primaria. O taller celebrarase no Milladoiro, o venres 19 de novembro ás 17:30 horas, e en Bertamiráns, o sábado 20 ás 11:00 horas.

O prazo de inscrición para ambas bibliotecas abrirá dende o 8 ata o 17 de novembro, contactando ao enderezo bibliotecas@concellodeames.gal, ou ben a través do teléfono indicado para cada centro: para a biblioteca do Milladoiro, o 981 53 08 07, mentres que no caso de Bertamiráns, o 981 88 48 29.