Novo punto de información ao peregrino no Milladoiro

170

Os peregrinos que atravesan o Milladoiro contan dende esta semana cun novo punto de atención e de información turística. Está situado na esquina da rúa dos Agriñoc coa do Muíño Vello, xunto á área de autocaravanas, e nas proximidades do albergue. A pouca distancia atravesa o Camiño Portugués a Travesía do Porto. A iniciativa resulta da colabiración do Concello coa Asociación de Amigos do Camiño Portugués en Ames e Teo.

Este punto de información vai estar atendido por dúas persoas que participan no programa chamado “Iniciativas sociais no Camiño”. Funcionará dende o 15 de xullo ata o 15 de setembro, de luns a sábado, en horario de 10:30h a 18:30 horas.

No acto de presentación participou o alcalde, Blas García, xunto coa técnica municipal de Turismo, Sonia Moure; José Manuel Guldrís, párroco de San José do Milladoiro; Enrique Repiso Pacheco, presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués en Ames e Teo; Eugenia González ecónoma da Asociación e xerente do Albergue do Milladoiro; e as dúas persoas mozas que atenden o punto informativo, Daniel Lorenzo Estévez e Noa López Souto.