O 4 e 5 de setembro actividades lúdicas para nenos e mocidade en Milladoiro e Bertamiráns para promover a “volta ao cole”

87

A zona verde da travesía do Porto, no Milladoiro, e o parque do Ameneiral, en Bertamiráns, van acoller durante a primeira semana de setembro diversas tardes de actividades para amenizar os preparativos da volta aos centros de ensino, fomentando á vez o comercio e a hostalaría dos dous principais núcleos de Ames. Trátanse das xornadas “Volta ao cole co comercio”, que organiza por segunda vez a Concellaría de Promoción Económica coa colaboración con XEA. Nesta ocasión participa tamén o departamento de Mocidade.

O día 4 de setembro, no Milladoiro, e o 5, en Bertamiráns, desenvolveranse as actividades para nenos e nenas de ata 11 anos, que deberán ir acompañados/as. Será de 17:00 a 20:00 horas, e haberá inchables, xogos do mundo e talleres de maquillaxe e tatuaxe. Por outro lado, o día 6 no Milladoiro e o 7 en Bertamiráns, terán lugar as iniciativas para a mocidade de entre 12 e 17 anos, en horario de 18:30 a 21:30 horas. Para eles haberá toro mecánico, barredora, DJs e unha Holi Party, a festa de polvos de cores.

Todas estas propostas lúdicas estarán acompañadas do sorteo de 200 premios, valorados en máis de 2.000 euros, e que inclúen agasallos de electrónica (auriculares, altavoces, USB…) e 40 vales de compra por valor de 10 euros. XEA colaborará tamén repartindo 30 vales por valor de 20 euros (en total, 600 euros).

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, foi a encargada de abrir o acto de presentación, sinalando que “queremos seguir dinamizando as nosas rúas, polo que este ano, en lugar de dous días desta iniciativa, teremos catro. Desde a Concellaría de Promoción Económica cremos que os nenos e nenas axudan moito a promover o comercio e a hostalaría. Coa volta ao cole, son os seus pais os que invirten nos negocios locais, por iso buscamos facilitarlles as compras no comercio con todos os vales que ofrecemos, en colaboración con XEA”.

Pola súa banda, a concelleira de Mocidade, Carmen Porto, mostrou a súa satisfacción porque o departamento se adherise nesta ocasión á iniciativa “Volta ao cole 2023”. “Consideramos moi importante axudar a todas as familias, posto que a volta ao cole supón un gran desembolso económico. Nesta ocasión, o número de premios ascende con respecto ao ano pasado, e terán un valor de máis de 2.000 euros. Esperámosvos a todos”, explicou.

Pola súa banda, Jorge López, presidente da Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), que dixo que “dende XEA aplaudimos unha vez máis a celebración destes actos pola rúa, que supoñen unha dinamización. Isto axuda a que se visibilice o comercio local entre os nenos. Por iso sempre prestamos a nosa axuda para este tipo de colaboracións, de xeito que se dea a ver que en Ames sempre hai alternativas e para que os nosos veciños se sintan a gusto aquí”.