O académico da RAG Ramón Lorenzo descobre ao público a toponimia de Eirapedriña (Bugallido)

48

A Real Academia Galega inicia unha nova tempada da serie de pezas audiovisuais O Seminario de Onomástica responde, na que os especialistas en nomes propios do citado seminario divulgan o valor da toponimia como patrimonio inmaterial e afondan no significado, na historia e nas curiosidades que rodean algúns dos nomes de concellos, aldeas e lugares de Galicia. A primeira entrega, dedicada ao lugar de Eirapedriña, no concello de Ames, xa pode verse en academia.gal, na canle de Youtube da RAG e no portal Toponimia de Galicia.

A tempada que comeza ten como novidade a gravación dalgúns episodios no propio territorio. Ramón Lorenzo é un dos protagonistas de excepción da proposta. O académico de número convida a percorrer a xeografía da súa infancia e dá a coñecer a súa casa natal, en Eirapedriña, e a súa parroquia, Bugallido.

Outros dos lugares que visitará este ano a serie, producida pola RAG co apoio da Xunta de Galicia, son A Cebola e O Allo, no concello de Zas, da man do académico correspondente Xosé María Lema; ou A Coruña, co académico electo Gonzalo Navaza.

Nos vídeos xa publicados, os membros do Seminario de Onomástica achegan ao público o significado de lugares como Viana do Bolo, Portomarín ou Córgomo, lugar do concello de Vilamartín de Valdeorras que este ano se converteu no epicentro da lingua galega por ser o lugar de nacemento de Florencio Delgado Gurriarán, autor homenaxeado en 2022 co Día das Letras Galegas.

O resto das pezas, ata un total de vinte que se han publicar ao longo do ano, serán conducidas polos académicos de número Antón Santamarina, Ana Boullón, Ramón Lorenzo e Gonzalo Navaza; os académicos correspondentes Xosé María Lema e Luz Méndez; e o coordinador técnico do Seminario de Onomástica, Vicente Feijoo. Os especialistas achegarán as diferentes hipóteses que se formularon para o topónimo A Coruña, cal é a relación que manteñen os lugares do Allo e da Cebola no Concello de Zas; como influíu o Camiño de Santiago na denominación de Paradela ou por que Ribeira ten de se escribir con “b”, entre outras cuestións.

Divulgación audiovisual dun patrimonio inmaterial de enorme riqueza
O Seminario de Onomástica responde é unha serie formada por pezas audiovisuais de curta duración na que os membros do Seminario de Onomástica da RAG achegan as principais hipóteses sobre a orixe e significado de diferentes topónimos do país, quer sexa sobre o nome dun concello quer dunha parroquia ou dunha aldea. En cada capítulo achéganse as primeiras concorrencias documentais de cada topónimo, explícanse lendas de tradición oral que poidan existir sobre os lugares e outros datos de interese.

Ata a actualidade, son máis de 30 os vídeos que se publicaron pertencentes a esta serie e están dispoñibles na canle de Youtube da Real Academia Galega e no portal Toponimia de Galicia. Neles pode descubrise xa o significado de NigránA GudiñaCabana de BergantiñosChantadaBoiroDozónA MezquitaSoberAmesRoisLaxeSarriaMelide, Baiona ou A Maía.

Neste 16 de setembro, Ramón Lorenzo está de aniversario. Na Revista Amsgo! parabenizámolo lembrando a entrevista que lle realizamos o ano pasado con motivo da concesión da Medalla de Ames polo Día de Galicia do Concello.