O alcalde comunica á Xunta a súa preocupación polo atraso no expediente de contratación do novo CEIP do Milladoiro

151

Blas García, vén de enviarlle unha carta ao conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, e ao Director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, para solicitar información sobre o estado do expediente de contratación do novo CEIP do Milladoiro.

O rexedor pediu celeridade para que a obra poida ser licitada, adxudicada e contratada canta antes e solicitou información tanto a Consellería de Educación de Román Rodríguez, como a Axencia Galega de Infraestruturas dirixida por Francisco Menéndez, para saber en que punto exacto se atopa o expediente de contratación: “Está claro que a data de remate de mediados do ano 2025, que se deu na visita do presidente Rueda no mes de febreiro do ano 2023, non se vai poder cumprir”, explicou o alcalde. “Queremos saber exactamente en que punto se atopa o expediente de contratación e as previsións que ten a Xunta de Galicia para o remate deste centro de ensino”.No ano 2021 o Concello de Ames asinou un convenio de colaboración coa Xunta de Galicia para a construción do centro que comprometeu ao ente local a ceder e soterrar a liña de media tensión para a construción do CEIP. 

O alcalde, Blas García, explicou que esta é unha das actuacións consideradas estratéxicas para o Concello de Ames no que respecta ao futuro do núcleo máis grande e importante do municipio xunto coa humanización da nacional N-550, o remate do Centro Multifuncional e o Complexo Deportivo: “Este mandato suporá un antes e un despois para o futuro de Ames en xeral e do Milladoiro en particular”.