Prosegue a folga indefinida no servizo de limpeza viaria e do punto limpo de Ames. O persoal de Urbaser, a concesionaria, reclama unha suba salarial para afrontar o impacto da suba no IPC en 2021 e 2022. Blas García, o alcalde de Ames, compareceu hoxe en rolda de prensa en compañía doutros membros do Goberno para dar conta da situación. García solicitou que Urbaser e a CIG cheguen a un acordo e non se levanten da mesa ata entón. O decreto de servizos mínimos que finalizou este luns, 22 de maio, prorrogouse por 15 días máis e mantense o servizo ao 50%.
O alcalde lembrou que o Concello de Ames conta cun contrato do servizo de limpeza viaria en vigor dende o 15 de xullo de 2022, no que se incluíron melloras no servizo e tamén se incrementou o persoal.
A continuación deu detalle das xuntanzas que mantivo dende o pasado mes de abril sobre este asunto. Asegurou que dende a CIG se lle solicitou unha xuntanza naquel mes, que rexeitou inicialmente por coincidir coa precampaña electoral. “Solicitaban un compromiso pola miña parte, pero eu nin como alcalde nin como membro do goberno municipal podo adquirir ningún tipo de compromiso, porque non sei se despois do 28 de maio vou seguir sendo alcalde deste concello e porque o contrato non permite que o Concello faga unha revisión de prezos”, explicou. “A propia lei de contratos do sector público indica que non se poden revisar os prezos dos contratos en vigor. No contrato que se asinou por un período de sete aos xa se recollen as posibles variacións de prezos e de salarios”, engadiu o rexedor.
García lamentou a escasa comunicación entre a empresa e os convocantes da folga, lembrando que “pasaron máis de 11 días sen convocarse reunión algunha”. A primeira reunión entre as partes, manifestou, tivo lugar “ despois de enviarlles unha comunicación nas que lles solicitei que se reuniran de forma inmediata e urxente e non se levantasen da mesa mentres non chegasen a un acordo”. O alcalde de Ames sinalou que non se chegou a un acordo durante a pasada fin de semana como tería desexado.
Para García, “esta é unha folga política e non vai rematar ata que pasen as eleccións municipais”. Acusa ao sindicato de facelo responsable a el “como alcalde” da folga “e non á empresa concesionaria”. Segundo comunicou a Xunta Electoral, durante toda esta semana seguirá habendo concentracións en Bertamiráns e no Milladoiro que rematarán cunha manifestación cadrando co peche da campaña, o venres 26.
Tanto o alcalde como a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, responsable do departamento de Contratación, manifestaron que o contrato do servizo de limpeza viaria e xestión de puntos limpos do Concello de Ames foi aprobado por unanimidade no pleno ordinario en xaneiro de 2022 e “é responsabilidade de toda a Corporación municipal”.
García quixo deixar moi claras as súas atribucións como rexedor: “O que podo facer eu como alcalde ou a persoa que sexa alcalde despois das eleccións municipais é aprobar as facturas para pagarlle aos traballadores e traballadoras. Este goberno municipal ou o que se forme despois do 28 de mai non pode facer revisión algunha do contrato que xa está en vigor dende o pasado ano. Isto sabeo o sindicato convocante da folga e maila empresa”.
O alcalde considera que os traballadores da empresa “están sendo utilizados por ambas partes” e “pagando as consecuencias desta folga” xunto coa veciñanza amesá. García foi moi duro coa empresa e convocantes, aos que responsabilizou da situación.
Por último, solicitou que “mentres non cheguen a un acordo non se levanten da mesa de negociación. E urxente e necesario que cheguen a un acordo. Que deixen de mirar o interese empresarial e sindical e cheguen a un acordo xa, polo ben dos traballadores. Para iso é necesario que as ofertas que lles está trasladando a empresa as debatan con todos os traballadores nunha asemblea”.