O “Ames en Festas 2025” congregou a máis de 20.000 persoas

120

O programa “Ames en Festas”, que encadea as festas da Madalena e da Peregrina formando un cartel conxunto de 10 días de festexos dos dous principais núcleos poboacionais do concello, Bertamiráns e Milladoiro, puxo fin á súa cuarta edición este domingo coa celebración da derradeira xornada da Peregrina de Bertamiráns. Tódalas xornadas do programa, que incluíu actividades e concertos para todos os públicos, contaron cunha gran afluencia de asistentes, congregando ao longo destes 10 días a máis de 20.000 persoas, consolidando así este programa conxunto.

O alcalde presume do cartel deste ano

Blas García, subliñou que “Ames ten unhas festas para todas e todos, sen ideoloxía, que buscan dinamizar as nosas rúas e activar a economía da vila. A proposta que fixemos en canto a cartel este ano é difícil de igualar e máis difícil aínda de superar”. 

Festas da Madalena  

Un ano máis, o Millarock foi o encargado de dar inicio ás festas da Madalena no Milladoiro o pasado venres 1 de agosto. A XIV edición do festival contou este ano actuacións de Ruxe Ruxe, Battosai e Ulex. 

Ao longo das cinco xornadas dos festexos da Madalena, arredor de 7.000 persoas se deron cita no Milladoiro para gozar das diferentes actividades e música que houbo na localidade, como a festa infantil para os máis pequenos da casa ou as noites de verbena con algunhas das mellores orquestras de Galicia, coma París de Noia, Os Satélites ou América de Vigo. 

Nova data para a actuación da Olympus 

A actuación da orquestra Olympus que estaba prevista para o peche das festas da Madalena, o pasado martes día 5, e que foi cancelada por motivos meteorolóxicos ao non garantir a seguridade dos asistentes e do equipo, celebrarase noutra data que se anunciará proximamente.

Festas da Peregrina

Por outra banda, Bertamiráns comezou as súas festas da Peregrina o mércores 6, uns festexos que se prolongaron ata este domingo, día 10. Ao longo destas xornadas, Bertamiráns tamén gozou dunha ampla programación cultural para todos os públicos. Algunhas das citas máis destacadas foron o concerto de Mondra no parque do Ameneiral o venres 8, que reuniu a máis de 3.000 asistentes, ou a verbena coa orquestra Panorama, o xoves 7, á que asistiron unhas 6.500 persoas. 

Por outra banda, a localidade contou tamén cunha festa infantil para a rapazada e as actuacións doutras recoñecidas orquestras galegas, coma a Cinema, Charleston Big Band, Metrópolis ou Compostela. 

Ademais, o parque do Ameneiral foi o lugar escollido para levar a cabo algunhas das iniciativas máis destacadas do programa. Por un lado, a primeira edición do Festival Emerxente, na que se deron citas novos artistas musicais de Ames e da súa contorna, ou a celebración dunha nova edición da Romaría Urbana, que contou con diversas actuacións musicais, postos para xantar ou obradoiros ao longo de toda a tarde do sábado. 

O Ames en Festas máis inclusivo  

Na edición deste 2025 do programa de festexos, a inclusión e a diversidade foron os piares fundamentais destas festas. Isto reflectiuse na escolla dos pregoeiros de ámbalas dúas localidades. 

Por un lado, o pregón inicial no Milladoiro correu a cargo de catro mozos da asociación Arcea-Adames: Martín Barreiro, Moncho Corral, José Manuel Fernández e Carlos Pais. A institución leva desenvolvendo o seu labor máis de 20 anos no Milladoiro, traballando e apostando pola inclusión das persoas con diversidade funcional de Ames e doutros concellos veciños. En canto ás festas da Peregrina, en Bertamiráns, o pregoeiro de peche foi Ronald Rojas, inmigrante venezolano que leva xa varios anos vivindo na localidade amesá. 

Tanto o pregón de inicio en Milladoiro, en representación das persoas con diversidade funcional, como o de clausura en Bertamiráns, no que a inmigración foi o foco principal, apostaron por dar voz a colectivos relevantes da poboación amesá.

Por outra banda, neste Ames en Festas tamén se contou cun horario de atraccións sen ruído, unha iniciativa para que as persoas con sensibilidade auditiva poidan gozar tamén das atraccións durante as xornadas festivas. Ademais de dita iniciativa, no Millarock, contouse con mochilas vibratorias, para as persoas con discapacidade auditiva, e cunha plataforma elevada con rampla, para as persoas con mobilidade reducida. Deste xeito, buscouse crear espazos adaptados para garantir que estas persoas puideran gozar dos concertos e das festas en condicións de igualdade.