O pasado 9 de marzo o deportista amesán Iván Gutiérrez Mosquera, acadou a medalla de ouro no Campionato Galego Base Individual masculino de Ximnasia Rítmica da Xunta de Galicia, que se disputou no pavillón municipal de Baltar, en Sanxenxo. O amesán acadou unha nota final de 18 puntos. Esta victoria permítelle a súa futura participación no Campionato de España que se celebrará do 8 ao 13 de abril no Palacio multiusos de Guadalajara.
Iván mostrouse moi satisfeito co resultado obtido no campionato galego. “Ía un pouco nervioso porque quería emocionar ao público e que lle gustase a miña montaxe. Ao final saíume moi ben e estou moi contento co resultado que conseguín”. Tamén explica que neste campionato competiu na modalidade individual, pero que tamén competirá a nivel grupal no campionato galego nos próximos meses.
O deportista amesán indica que aos catro anos comezou a practicar ximnasia acrobática, pero despois aos 11 anos comezou a facer ximnasia rítmica e estivo compatibilizando durante dous anos as dúas modalidades, ata que tivo que escoller e se decantou pola ximnasia rítmica. Na actualidade adestra arredor de vinte horas á semana (os luns, mércores, xoves, venres e sábados).
Tamén explica que dende o pasado mes de setembro está preparando a montaxe coa que competiu no campionato galego e tamén vai levar ao campionato de España. Está composta por riscos (lanzamentos feitos cun aparato); mestrías (pequenos lanzamentos); dificultades (saltos e equilibrios).
O obxectivo marcado por Iván e pola súa adestradora é ser campión de España. O deportistas amesán acadou en 2024 a medalla de bronce no campionato nacional de ximnasia rítmica individual. Esta era a súa primeira participación no campionato nacional a nivel individual. Ademais, no ano 2023 foi prata en ximnasia acrobática por parellas.
Desta forma, Iván Gutiérrez súmase a longa lista dos éxitos deportivos saídos do Concello de Ames, engrosando aínda máis se cabe as vitrinas do noso palmarés xa desde moi curta idade. Noraboa Iván!












