O antigo centro de saúde do Milladoiro acolle dende o próximo luns unha oficina de atención municipal

65

O vindeiro luns 16 de xaneiro comeza a prestación de servizos nas antigas instalacións de pediatría no Milladoiro. O rexistro municipal volverá a estar neste lugar e, ademais, haberá un posto para Policía Local e un posto para Protección Civil. Esta oficina é segundo o alcalde de Ames, Blas García, “só o comezo da posta en marcha dun servizo de atención veciñal” no núcleo do Milladoiro .

As obras levadas a cabo na sala de pediatría do antigo centro de saúde do Milladoiro xa están rematadas. O obxectivo era aproveitar este local, que dende a apertura do novo centro de saúde quedou en desuso, para habilitar unha nova oficina de atención municipal no Milladoiro. Deste xeito, o vindeiro luns 16 de  xaneiro vai comezar a funcionar o servizo de Rexistro municipal do Milladoiro. Ademais, a Policía Local e maila Agrupación de Voluntarios/as de Protección Civil dispoñen dunha oficina para ofrecer un servizo de atención puntual nesta localidade.

As obras realizadas estaban encamiñadas a dotar o espazo de accesibilidade, para iso ampliouse a porta principal e  instalouse un baño adaptado no hall principal. No  recibidor creáronse dous postos para atención ao público e rexistro municipal, habilitando tamén unha sala de espera. Ademais, construíronse dous despachos para a atención e a presenza tanto da Policía Local como de Protección Civil. Para rematar realizáronse actuacións xerais de mantemento e conservación en todo o espazo.

O alcalde de Ames, Blas García, manifesta a súa “satisfacción por poder poñer en marcha estas novas dependencias no Milladoiro, xa que é un novo servizo máis para favorecer aos veciños e veciñas deste núcleo”. “Esta apertura é só o comezo da posta en marcha dun servizo de atención veciñal que esperamos ir mellorando e incrementando co tempo” .