O Banco de reciclaxe electrónica de Ames organiza un taller para a posta a punto, reciclaxe e instalación do teu computador

161

A oficina de Software Libre e banco de reciclaxe electrónica de Ames é un proxecto posto en marcha polo Concello de Ames e a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol). Algún dos seus obxectivos son minorar o lixo electrónico, aumentar a vida útil destes aparellos e reducir o seu consumo.

Agora, comezan os obradoiros do segundo semestre deste ano cun taller de posta a punto, reciclaxe e instalación do teu computador.

Esta actividade realizarase este sábado, 17 de setembro, en horario de mañá de 11:00 a 13:30 horas, na oficina están situada no antigo centro de saúde do Milladoiro, na rúa Agro do Medio, número 8. Está dirixido a persoas que queiran aprender a instalar un sistema operativo libre, navegador, suite ofimática, reprodutor de audio e vídeo, programa de edición de imaxes dixitais, etc. A posta a punto dun computador resulta fundamental para que poidas traballar de forma eficiente e sen necesidade de gastar grandes cantidades de diñeiro.

Entre os obxectivos da Oficina de Voluntariado informático de software libre de Ames, xunto co seu Banco de reciclaxe electrónica, está reducir a fenda dixital para os colectivos vulnerables e minorar o lixo electrónico no municipio. A Oficina de Software Libre centrará as súas actividades en divulgar as novas tecnoloxías en software libre entre os grupos sociais menos favorecidos. 

Neste senso, actuarase dende o Banco de reciclaxe, onde se recollen equipos electrónicos doados por persoas ou institucións que xa non os usan e que poidan seguir sendo operativos para persoas con menos recursos, e dende a Oficina de software libre, que divulgará sobre novas tecnoloxías, resolvendo dúbidas e dando cursos de formación e actividades de alfabetización dixital. 

As persoas que queiran participar poden confirmar a súa asistencia premendo nesta ligazón.