O BNG de Ames elixe a Isabel Vaquero Quintela como nova responsable local

387

A Asemblea Local do BNG de Ames aprobou por unanimidade que a súa militante Isabel Vaquero Quintela asuma a responsabilidade da mesma. O seu predecesor, Alexandre Espinosa Menor, pasará a formar, xunto co concelleiro e voceiro municipal David Santomil, do Consello Comarcal de Compostela, A Barcala e Terra de Ordes. Estes cambios prodúcense a raiz da renovación da estrutura da organización logo da súa XVII Asemblea Nacional, celebrada o pasado 7 de novembro.

Antes de elexir a Vaquero Quintela de xeito unánime, a militancia amesá agradeceu o traballo de cohesión e ampliación da organización na localidade desenvolto por Espinosa Menor. Agora, a Asemblea Local ten o dobre obxectivo de ampliar a base da organización e comezar a traballar na candidatura para as eleccións municipais de maio de 2023.

Vaquero Quintela, nada en Ourense en 1967, é técnica do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela, reside no Milladoiro e foi concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación entre os anos 2015 e 2019, así como número 5 da candidatura do BNG de Ames nas eleccións locais de 2019.