O BNG de Ames prevé “serios problemas” na xestión municipal

O Bloque Nacionalista Galego de Ames fixo pública unha valoración sobre o novo goberno municipal, que encabeza o socialista Blas García en solitario logo de ter funcionado como un tripartito durante o pasado mandato. Dende 2015, o BNG formara parte do goberno local en coalición.

Para os nacionalistas, a distribución de competencias “evidencia as debilidades” do goberno en minoría. Critican a desaparición da Concellería de Normalización Lingüística, cuxas competencias asume agora o alcalde. Precisamente, censuran o que denominan unha “acumulación de competencias” no rexedor, que recolle boa parte das áreas de goberno que ostentaba o BNG.

Dende o BNG lamentan que “este vai ser o goberno local de Ames con menos concelleiros da democracia e con menos capacidade executiva”, prevendo “serios problemas na xestión municipal”. Neste sentido, lembran que Ames ten 32.000 habitantes “que requiren da máxima atención e dispoñibilidade na xestión diaria”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *