O BNG pide que o Centro de Saúde do Milladoiro funcione os sábados á mañá

100

O BNG de Ames dirixiuse onte por escrito á xerencia da Área Sanitaria de Santiago de Compostela solicitando que se abra o Centro de Saúde do Milladoiro en atención continuada os sábados pola mañá, en horario de 8h a 15h. Actualmente, a veciñanza do Milladoiro ten que desprazarse ao Centro de Saúde de Bertamiráns nese horario. Os nacionalistas lembran que “habendo medios materiais e humanos é contraproducente non ofrecer o servizo”, alegando que se contribúe doutro xeito á saturación das urxencias hospitalarias e o CHUS en Santiago de Compostela. Asina a carta Isabel Vaquero Quintela, responsable local do Bloque.

Na súa misiva, o BNG lembra que a actual modalidade de prestación sanitaria está obsoleta por responder a épocas en que o Milladoiro concentraba menos poboación ca na actualidade. Nos últimos 20 anos, recordan, Ames practicamente duplicou a súa poboación e máis do 40% desta vive no Milladoiro. Para dirixirse a Bertamiráns os sábados pola mañá, ademais, apenas hai transporte público.

Os nacionalistas lembran na súa carta que o Centro de Saúde do Milladoiro conta con persoal dabondo para contar cun horario de sábado pola mañá. Neste centro traballan actualmente 8 médicas de familia, 11 enfermeiras e 5 membros de persoal de servizos xerais.