O Bosque do Peregrino, un novo recanto autóctono no Camiño

445

O Bosque do Peregrino será un dos espazos de referencia do Camiño de Santiago ao seu paso por Ames nos vindeiros anos. O Concello vén de plantar 35 árbores de especies propias de Galicia -carballos, castiñeiros ou bidueiros, entre outras- neste espazo do monte de Ventosa, na parroquia de Covas.

Este espazo compleméntase con novo miradoiro, xa habilitado, que ofrece vistas do Val da Maía e vén complementar o do monte de San Marcos. Toda a infraestrutura está situada ao carón do Camiño Fisterra-Muxía, para converterse nun dos puntos de descanso desta ruta xacobea. 

Ao longo de 2021 complementarase o Bosque cun parque infantil, mesas, unha fonte e mais un panel informativo. Deste xeito o espazo servirá tamén para a veciñanza da zona.

Por Ames pasan tres dos Camiños de Santiago. Despois de que se oficializase o da Ría Muros-Noia a fins de 2020, esta ruta sumouse ao Camiño Portugués e ao Fisterra-Muxía, ao carón do cal se atopa o Bosque.