O cantautor Xosé Constenla trae ‘O Globo Vermello’ ao AmesOn

566

O programa “AmesON” culmina mañá o mes de xullo co concerto de Xosé Constenla Grupo. Un cuarteto formado por músicos de primeiro nivel e capitaneado polo cantautor Xosé Constenla, que porá o broche de ouro á programación de xullo a partir das 20h de mañá sábado na praza da Madalena, no Milladoiro.

En declaracións a este medio, Xosé Constenla sinalou que o concerto repasará no seu repertorio temas de discos anteriores como ‘Sinecismo’ ou ‘Virada por avante’, pero tamén servirá para presentar temas do seu último traballo, ‘O Globo Vermello’. Este disco, concibido durante o confinamento, publicouse en outubro do ano pasado pero non puido, polas circunstancias sanitarias, ser presentado ata esta primavera. Constenla explica que nel recolleu tamén cancións antigas que decidiu recuperar durante o peche de case dous meses ocasionado pola pandemia.

“O público pode esperar unha narración de historias nas que verse reflectido”, sinala o cantautor, indicando que nas súas cancións poden verse “cousas que tamén lles afectan a eles”. En canto ao estilo, o concerto incluirá “ritmos moi habituais da canción de autor”, caso do folk rock, a bossa nova, o jazz ou mesmo a samba. Pero tamén “cancións máis clásicas”, engade.

Xosé Constenla agradece o convite por parte do Concello e lembra que “a cultura é segura” e van manterse en todo momento medidas de seguridade no concerto. Convida á veciñanza a pasar unha tarde entretida entre as cancións e os acordes.

O resto da banda neste concerto estará conformada polo batería Rober Vázquez, o baixista Pablo Sanmamed, e o pianista Josep Ruíz.