A parcela onde se construirá o novo CEIP conta con 13.167 metros cadrados. A construción do novo CEIP do Milladoiro está incluído no Plan de Infraestruturas 2016-2020 da Xunta de Galicia e conta cun investimento de 9.784.127 euros. A licitación da redacción do proxecto do novo CEIP do Milladoiro foi aprobada pola Xunta de Galicia en setembro de 2021.
Contémplase a construción dun centro para 450 alumnos, con seis aulas de infantil e doce de primaria, así como outras catro para desdobres, aula de música, sala de usos múltiples, biblioteca e ximnasio, con vestiarios adaptados. A área de administración inclúe despachos, conserxería e un local para a ANPA. Tamén disporá de comedor e unha zona de servizos comúns.
Por outra banda, atendendo á estratexia de educación dixital 2030, contará cun local para formar en tecnoloxías da información a docentes, e aulas multifuncionais para traballar os proxectos de robótica ou intelixencia artificial, con materiais de domótica, creación e procesado audiovisual, impresión 3D ou electromecánica. No exterior disporá dunha zona cuberta e outra descuberta exterior para o alumnado de educación infantil, así como pista polideportiva tamén cuberta e descuberta. Tamén contará con zonas verdes e unha horta.