O Centro de Formación para o Emprego en Ames está a investir 74.000 euros na formación de 60 desempregados

431

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou hoxe aos alumnos e docentes do centro de formación de Santiago (U.A.F), que depende da Consellería de Emprego e Igualdade. Concretamente,  tivo a oportunidade de asistir a apertura do curso de repoboacións forestais e tratamentos silvícolas que formará a 15 alumnos cunha achega da Xunta de 27.000 euros. 

Nesta instalación estanse a desenvolver 15 cursos nos que se están a formar 225 alumnos que contan cun investimento da Xunta de máis de 357.000 euros

A Xunta de Galicia dispón na área de Santiago doutros tres centros en Ames, Melide e Negreira. Entre os catro ofrecen 435 prazas de formación para desempregados en 28 cursos diferentes, o que supón un investimento da Consellería de Emprego e Igualdade de máis de 575.000 euros.

No Centro de Formación de Ames estanse a impartir  4 cursos de 15 prazas cada un, cun investimento superior aos 74.000 euros. As disciplinas son de traballos de carpintería e moble, confección e publicación de páxinas web, operacións auxiliares de montaxe e mantemento de sistemas microinformáticos e atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.O delegado da Xunta sinalou que “a formación é unha peza clave para mellorar a empregabilidade dos galegos e galegas, xa que non hai mellor política social que a política de emprego”.