O Centro de Saúde do Milladoiro volve enfrontar a Xunta e Concello

356

O centro de Saúde do Milladoiro volve ser fonte de enfrontamento entre a Xunta e o Goberno local. A semana pasada, representantes do Servizo Galego de Saúde e da Axencia Galega de Infraestruturas mantiveron unha reunión, por videoconferencia, co segundo tenente de alcalde de Ames, José Blas García Piñeiro, para abordar as cuestións pendentes. Na reunión participaron a directora xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, María Jesús Piñeiro, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, entre outros. Posteriormente, dende a Xunta indicouse que a xuntanza tiña como obxecto solicitar ao Concello “dilixencia nos traballos que ten pendentes de tramitación e que están a impedir a posta en servizo do novo centro de saúde do Milladoiro, finalizado desde xa hai dous meses”.

A Xunta engadiu que “o novo equipamento sanitario, no que a Xunta investiu 2,7 millóns de euros, está rematado desde mediados do mes de xullo pero pendente aínda de que o Concello arranxe certas cuestións relacionadas coa acometida eléctrica para poder proceder á súa apertura”.

Pero a versión municipal é outra. Dende o Goberno local aseguran que o Concello asistiu á xuntanza “coa mellor dispoñibilidade posible para tratar de solucionar os problemas existentes de cara a apertura o antes posible do novo centro de saúde do Milladoiro”. Porén, lamentan que posteriormente “a actitude e o bo ambiente mostrado en dita xuntanza non sexa o mesmo que o que se mostra de cara a fóra nos medios de comunicación”.

O alcalde de Ames, Jose Miñones, incide en que “dende a Consellería de Infraestruturas aproveitouse, unha vez máis, para atacar ao Concello de Ames, e continúan botando balóns fóra”. O Concello asegura que os traballos realizados para dotar ao centro de saúde de saneamento e abastecemento de auga, así como de rede eléctrica e de telecomunicacións, están rematados dende o pasado mes de xullo. As obras para dotar de acometida eléctrica á parcela remataron o 19 de xuño deste ano. O 8 de xullo fixérono as obras da cometida de telecomunicacións e o 10 de agosto finalizaron as obras da acometida de gas. Estas obras non se puideron acometer, di o Concello, ante a falta dos permisos necesarios, que lle correspondían ás empresas distribuidoras do servizo, para poder executalas. En total, estes e outros traballos de acondicionamento do centro supuxeron 120.000 euros para as arcas municipais.

Por outra banda, o Concello asegura que non conta con comunicación oficial algunha da empresa Unión Fenosa ao respecto do servizo de subministración eléctrica. Ata agora, a empresa eléctrica trata directamente coa Xunta, aspecto que o Concello reclamou cambiar. O Concello terá en breve 
unha xuntanza urxente co representante territorial da empresa Unión Fenosa co obxectivo de arranxar os problemas que dende a Xunta indican que non dan resolto.

José Miñonez explica que “para este Goberno municipal o centro de saúde do Milladoiro é e foi sempre unha prioridade”, e puxo como exemplo o desbloqueo do proxecto ao resolver os problemas da parcela no anterior mandato. .

Miñones lembra que “eu mesmo e mailo exconselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, hai xa catro anos, asinamos o convenio para a construción do novo centro de saúde”. As obras, que comezaron hai dous anos, debían ter rematado en 2019, pero experimentou varios atrasos ata rematar o pasado mes de xullo. O Concello de Ames, “unha vez tivo os permisos das empresas distribuidoras, realizou as obras das acometidas correspondentes, rematando a rede de gas no pasado mes de agosto”, asegura o alcalde.

Por último, o Goberno local lamenta a “postura de confrontación que reiteradamente está a buscar a Consellería de Infraestruturas, á que lle piden a mesma lealdade que está a mostrar a de Sanidade”